Por Galicia Confidencial | Cerceda | 06/01/2012 | Actualizada ás 21:09
“Isaac ti sigues e seguirás agromando resistencia, porque ti non morreches hoxe porque hai quen vive e está morto e hai quen morre e está vivo sempre. Que importa que morramos se deixamos semente de vencer”.
Son algunhas das verbas que a intérprete SES (María Xosé Silvar) lle adicou a Isaac Díaz Pardo nunha improvisada homenaxe que tivo lugar na Taberna, en Cerceda, e que as cámaras de Tingalaranga rexistraron para GC.
SES leu unha carta moi sentida na que tamén criticou que se referiran ao pintor e intelectual galeguista como “empresario”:
“Hoxe lin un xornal e chamabante empresario... Os mesmos brazos que rematan en mans manchadas de sangre, as do teu pai, chámante empresario...Berrabas que a túa arte non era unha industria calquera. Magdalena e o Castro eran laboratorios de ideas, factorias culturais, dicías. Sargadelos é cultura galega. Non se pode tratar como unha industria normal, dicías. E dábala, e dábala como a nai de Salomón que llo dá ao seu fillo antes de velo danado. Non querías ouro. Agasáchelles anos a unha terra na que non morabas, a unha terra que che estaba vetada e onde seguían apodrecendo almas, e onde seguían apodrecendo conciencias e corpos, corpos asasinados xuntos e enterredos xuntos. Ao teu pai consumíao a mesma terra que se che negaba a ti. Os osos de Camilo, do pintor, do artista, do resistente do teu papá comíaos a mesma terra pola que el morreu e tí suspirabas arreo. Cargabas as túas obras e as que non eran túas e as puñas no seu lugar. Sempre humilde como os que non teñen aneis que lle caian ao chan. Traballabas sen descanso e os cartos que gañabas non eran para o teu peto. Eran para proxectos non rentables que non apoiarían os homes de negocio. E chámante empresario. Eses necios, eses mercenarios, eses usureiros, eses ignorantes, eses fillos da miseria humana, eses cabróns, chámante grande empresario a ti, grande artista..... Ti non es un fracaso, es un triunfo dos que non valen cartos, dos que valen dignidade... Ti es memoria e es compromiso, e loita e humildade e ese amor a unha cultura é un arte que fan que a vida pague un pouquiño máis a pena”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.