Chegan ao Parlamento as queixas por "discriminación lingüística" para que a Xunta elabore un informe

A parlamentaria socialista Concepción Burgo defendeu a necesidade dun informe elaborado pola propia administración, xa que os "únicos" datos relativos á discriminación pola elección de lingua son os que oferta A Mesa pola Normalización Lingüística.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/05/2019 | Actualizada ás 15:49

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou unha iniciativa apoiada pola totalidade do hemiciclo na que se insta á Xunta a elaborar un informe sobre as queixas e denunciadas cidadás relacionadas coa "discriminación lingüística" en calquera das linguas cooficiais en Galicia, é dicir, o galego e o castelán.

Cartaz a favor da lingua galega
Cartaz a favor da lingua galega | Fonte: Arquivo Galicia Cofindencial

A proposición non de lei, presentada polo Grupo Socialista, saíu adiante cos votos de todo o arco parlamentario durante a sesión plenaria que acolle o Pazo do Hórreo este mércores. En concreto, o texto aprobado pola Cámara establece un prazo de tres meses para que a Xunta realice e presente ante a Cámara un informe no que se detalle o número de denuncias ou queixas presentadas durante o últimos seis anos por "dificultar o uso dalgunha das linguas oficiais de Galicia" tanto en entidades públicas como privadas.

Durante a exposición, a parlamentaria socialista Concepción Burgo defendeu a necesidade dun informe elaborado pola propia administración, xa que os "únicos" datos relativos á discriminación pola elección de lingua son os que oferta A Mesa  pola Normalización Lingüística.

En base aos estudos desta entidade, resaltou que "máis da metade" das queixas proceden das administracións públicas nos seus diferentes niveis, o que constitúe "un dato preocupante" pois, lembra, son as institucións quen "debe velar polo respecto aos dereitos lingüísticos".

O PSdeG incluíu na proposición que no informe para elaborar pola Xunta tamén se teñan en conta as queixas relacionadas co castelán en Galicia, aínda que Burgo matizou que "o que se vulnera" na comunidade "é o galego, non o español".

"Aquí o castelán non está discriminado", incidiu a socialista, que aproveitou para afear que o Partido Popular se achegue ao discurso de Ciudadanos sobre as linguas cooficiais do Estado e a suposta "imposición" do catalán, o galego e o eúscaro nas súas respectivas comunidades.

"En Galicia cumprimos a lei, cinguímonos ao marco normativo, acatamos a Constitución, o Estatuto de Autonomía e a lei de normalización lingüística", aseverou María Isabel  Novo Fariña (PPdeG), que criticou que a oposición "non se desmarque do discurso catastrofista en Galicia". "Fronte ao  monolingüismo,  bilingüismo cordial", engadiu a deputada popular.

USO GALEGO EN BANCOS

O debate desta iniciativa serviu como continuación doutra proposición non de lei coa lingua galega como protagonista, neste caso polo seu uso nas entidades bancarias, e que provocou o cruzamento de reproches entre o grupo maioritario --PPdeG-- e a oposición. A proposta foi tombada polos votos dos populares.

En concreto, a iniciativa, que partía do Grupo de En Marea, propoñía instar á Xunta a impulsar unha serie de medidas para obrigar aos bancos para aumentar os servizos que ofrecen en lingua galega, xa que, segundo expuxo a deputada Ánxeles Cuña na súa presentación, estes apenas supoñen o 33,3% do total dos contidos de páxinas web, aplicacións móbiles ou caixeiros.

Tras denunciar o "recorte" de 14 millóns de euros en materia de política lingüística desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta, Cuña asegurou que o catalán ou o inglés están implementados no 47% e o 43%, respectivamente, dos servizos que ofertan as entidades financeiras asentadas en Galicia. "Hai que combater a naturalidade do galego como lingua estranxeira no seu propio territorio", apostilou.

A parlamentaria nacionalista Olalla  Rodil (BNG) sumouse a esta denuncia durante a súa intervención, na que lamentou que en Galicia "non se poida asinar un contrato bancario, unha hipoteca ou un crédito" en lingua galega. "Poder facelo en castelán pero non en galego, que é? É normalidade ou é unha situación de discriminación", preguntouse  Rodil.

Pola súa banda, Concepción Burgo (PSdeG) subliñou que esta cuestión "vai máis aló do debate lingüístico" pois se trata de "unha cuestión de dereitos das persoas". "Que o 50% dos bancos que operan en Galicia teñan catalán e eúscaro pero non galego fala da sensibilidade cara aos idiomas propias", incidiu, antes de reprochar á Xunta "que non se estea cumprindo" o plan de fomento da lingua no tecido económico aprobada en 2009.

"Para dividir o país non conten con este grupo", espetou na súa intervención a deputada do PPdeG Sandra Vázquez, que defendeu que a Secretaría  Xeral de Política Lingüística "traballa" para que os bancos "implementen" o galego nos seus servizos, aínda que sempre desde "o estímulo" e nunca desde "a imposición".

Así mesmo, despois de acusar a PSdeG, En Marea e BNG de pretender "destruír a lingua galega", a parlamentaria popular apuntou que o seu partido defende "a liberdade para o uso das linguas cooficiais" coas que conta Galicia, o que constitúe "unha riqueza".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Ventosela

Non hai discriminación lingüística en Galiza: todo o mundo sabe español... Ah, o do galego ya si tal i eso lo miramos en lo Luar i al Roberto del Landrover que te lo domiñan bien. Darlle matemáticas ó meu fillo en galego? O galego é pra vacas e berzas...

1 uu1

Que a Xunta gaste dinheiro em fazer o estudo pela “discriminação linguística”. A língua galega não só está discriminada, está ausente e caminho da desaparição...com o beneplácito dos nossos mal governantes!