A "mellor praia do mundo", en Galicia, retrocedeu máis de 30 metros en seis décadas

Unha investigación alerta dos efectos negativos que tivo a acción humana sobre a evolución do paradisíaco areal de Rodas, nas Cíes. A extracción de áridos para a construción na década de 1960, a ampliación do peirao en 2010 e a turistificación das illas foron determinantes na perda da liña de costa, xunto coa acción do mar e do vento.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 09/05/2019 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Rodas, nas Illas Cíes, foi declarada en 2007 a mellor praia do mundo" polo prestixioso diario británico The Guardian. Pero o areal non é o que era, nin hai doce anos nin hai seis décadas. Entre 1956 e 2017, a liña de costa –liña na superficie que define o límite entre o mar e a terra firme– retrocedeu máis de 30 metros. Así o conclúe un estudo, que alerta dos efectos negativos que pode ter nos sedimentos o desembarco de visitantes, xunto coa acción do mar e do vento.

Praia de Rodas, nas Illas Cíes
Praia de Rodas, nas Illas Cíes | Fonte: Europa Press.

O traballo –asinado por Alejandro Gómez Pazo, Augusto Pérez Alberti e Xosé Lois Otero Pérez, dos departamentos de Edafoloxía e Química Agrícola, e Xeografía, e do Laboratorio de Tecnoloxía Ambiental da Universidade de Santiago–, mostra evidencias da regresión que sufriu este areal nas últimas décadas, especialmente intensa entre 1956 e 1981, un período no que ocorreron os eventos erosivos máis importantes, cando o sistema retrocedeu máis de 30 metros, en parte como resultado da intensiva extracción de áridos que se fixo para o sector da construcción, debido ao seu gran contido en cuarzo.

Os datos indican un retroceso medio de 33,24 metros en 61 anos, sendo máis intenso no período 1956-1981, cando se extraeu grande cantidade de area para a construción.

Na última década tamén se observou un importante retroceso. Os investigadores constataron que se produciron diferentes fases de erosión e acrecentamento antes da reforma do peirao de Rodas, en 2010. Pero a partir dese ano, e até 2017 (último ano analizado), o sistema experimentou cambios importantes, especialmente na área norte (onde se atopa precisamente a zona de desembarque), producíndose unha severa erosión no sistema, cunha regresión de 14,14 metros.

A análise de todo o período de estudo (61 anos) revelou un retroceso neto da liña de costa en todo o sistema, coa menor erosión no sector central da praia de Rodas. Os datos suxiren que as taxas medias de erosión foron de aproximadamente 0,37 a 0,43 metros por ano, pero é probable que a praia experimentase eventos de erosión máis rápidos, interrompidos por fases sedimentarias compensatorias.

Entre 1956 e 2017, a variación total superou os 30 metros; en concreto, os datos indican un movemento neto da costa de 33,24 metros de media menos, no total da área analizada, sendo o norte o máis afectado (-36,97 metros), seguido polo sur (-31,72) e o central (-30,89).

Os científicos examinaron imaxes aéreas e ortofotografías da zona de estudo para identificar eses cambios que se produciron nas últimas seis décadas.

Tamén realizaron unha análise LiDAR (Laser Imaging Detection and Ranging, isto é, un sistema de medición e detección de obxectos mediante láser), de 2010 a 2015, que permitiu verificar variacións no sistema de dunas, cuxa elevación aumentou nun 83% da área analizada (575 metros de longo), principalmente na duna frontal e no sector norte. Con todo, os investigadores salientan que esas variacións foron moi pequenas. Eses cambios relacionáronse coas condicións invernais e a posibilidade de recuperación do sistema.

Entre 2010 e 2017 produciuse un novo aumento no retroceso de Rodas, máis de 14 metros, no que influíu a ampliación do peirao.

O estudo tamén relaciona os principais períodos de tormentas nos últimos anos con valores positivos do índice de Oscilación do Atlántico Norte (coñecido polas súas en inglés, NAO).

A Oscilación do Atlántico Norte é unha  fluctuación a gran escala na masa atmosférica situada entre a zona de altas presións  subtropicales e a baixa polar na conca do Atlántico Norte. A súa influencia esténdese desde América do Norte Central a Europa, alcanzando mesmo ao Norte de Asia. Determina a variabilidade de clima invernal na rexión do Atlántico Norte e estímase mediante o índice NAVE, que se calcula como a diferenza de presión a nivel do mar que se produce entre as baixas presións de Islandia e as altas presións da Azores.

1956–1981

Na primeira parte deste período produciuse un alto nivel de erosión, particularmente nos sectores norte e sur. De media, o retroceso da praia foi maior no sector norte (1,48 metros por ano) e foi significativamente menor na parte máis central (1,01). Este período coincidiu coas ondas máis altas: o 13,09% superou os tres metros. Pero tamén cun período de extracción de area para o sector da construcción, na década de 1960.

1981-2017

As taxas de erosión foron moito máis baixas durante este período que entre 1956 e 1981. O sector norte mantívose case estático, cun alto nivel de crecemento da liña de costa no seu extremo norte. A sedimentación tamén ocorreu na maioría do sector sur. No resto do sistema houbo un retroceso xeneralizado de menos de cinco metros durante ese período.

As taxas de retroceso foron máis altas na zona sur do sector meridional e en varias áreas do central).

Durante este tempo, a dinámica das ondas e os valores de Oscilación do Atlántico Norte variaron amplamente, o cal explica, en parte, as baixas taxas de evolución en relación coas diferentes fases erosivas e sedimentarias.

2008-2010

Nestes anos houbo un proceso de sedimentación en xeral nos sectores norte e central. Observouse un pequeno retroceso na parte norte do sector sur, a única parte da praia con valores de cambio negativos para este período. Nestes anos, as ondas de máis de tres metros representaron o valor máis baixo da serie, só un 10,52%. E o índice NAO presentou valores negativos, especialmente en 2010.

2010-2017

A liña costeira retrocedeu en case toda a área durante este período. A regresión foi particularmente alta no sector norte e no extremo sur do sistema, cunha perda de máis de 14 metros. Nese intervalo de tempo produciuse un aumento nas ondas por enriba dos tres metros, até o 12.4% do total. E a frecuencia das tormentas aumentou durante estes anos, especialmente en comparación co período anterior. Tamén coincide coa ampliación do peirao, precisamente na zona norte, a máis afectada.

PRESIÓN TURÍSTICA

A praia de Rodas ten unha lonxitude de aproximadamente un quilómetro, e o seu ancho varía entre 40 metros nos extremos e 150 na zona central. As súas augas cristalinas, a calidade da area e a paradisíaca contorna, xunto coa extraordinaria biodiversidade da zona, fixeron popular esta praia como “o Caribe galego”. O efecto chamada foi cada vez maior e a presión turística converteuse nun problema para este areal e para un arquipélago que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, coa especial protección que isto lle outorga.

Os científicos consideran que "a presión humana no sistema de dunas da praia de Rodas é un desafío para a súa estabilidade".

Os autores do estudo alertan de que o turismo é un factor clave para entender a evolución de Rodas. O número de visitantes ás Cíes foi aumentando progresivamente desde que se iniciaron as visitas na década de 1950, aínda que agora hai un límite de 2.200 persoas e 800 campistas por día, trala declaración como Parque Nacional. Límite que as empresas navieiras superaron, polo que tiveron que pagar multas.

Só entre 2008 e 2016, o número de visitantes en transporte regulado pasou de 135,494 a 244,337, un aumento de máis de 100,000 persoas. A estes hai que sumar os que chegaron en embarcacións particules (26,578 en 2016) e os investigadores e participantes en actividades que teñen lugar na zona. Ademais, as visitas foron ampliándose máis aló dos meses estivais.

Este aumento no número de visitantes levou á construción de máis infraestruturas nas illas e á expansión das que xa existían, como o peirao de Rodas, cuxa ampliación en 2010 semella que foi decisiva no retroceso da costa no sector norte.

"O traballo realizado nesta estrutura influíu no sistema ao variar a dispoñibilidade de sedimentos no sector norte e a influencia da ondada nesta zona. Ademais, este sector é o máis próximo á área onde chegan os visitantes e, por tanto, é unha das áreas máis frecuentadas", afondan.

Practicamente non hai dúbida de que a acción humana foi unha variante determinante no retroceso da praia nestas últimas seis décadas. “O número de visitantes ás illas aumentou nos últimos anos e, por tanto, a infraestrutura portuaria ampliouse. Anteriormente, esta zona experimentou importantes fases de extracción de area. Estes cambios influíron directamente no ecosistema ao modificar o comportamento sedimentario e indirectamente, ao promover un número aínda maior de visitantes á área”, explican os autores do estudo, no que se marcou o límite da vexetación dunar desta área como o límite para medir os cambios na liña de costa.

"No primeiro período considerado (1956–1981), a erosión estivo estreitamente relacionada coa extracción de area no sistema, mentres que no período máis recente, a presenza de turistas foi un dos factores máis importantes que afectaron os cambios no sistema de Rodas", insisten os investigadores, que sinalan que "o efecto dos visitantes se pode observar claramente nos camiños creados a través da vexetación de dunas", que "son facilmente recoñecibles nas  ortofotografías máis recentes" e que "inflúen no transporte de material sedimentario nesta área, así como na vexetación de dunas e a dinámica xeral do sistema".

Os científicos consideran que "esta presión humana no sistema de dunas da praia de Rodas é un desafío para a súa estabilidade, como tamén se demostra noutros lugares insulares, como Menorca".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Pitito

A turistificacion da Galiza, o novo cancro do país. A posta en practica d vella politica economica ideada pro Fraga no Franquismo. Isto é o que lle ofertan as elites ao pais para acbar de matalo

1 José

Pero que dis? Non te confundas. Na praia de Rodas das Cíes o cancro foi a extracción masiva de area para o cemento dos edificios da beiramar toda de Vigo. As dunas de Rodas tiñan máis de 10m de altura e hoxe case non existen. No lago morreu afogado un mariñeiro que caeu dun barco de Domaio que se refuxiara nél dunha galerna, cando tiña máis de 4 metros de profundidade e o mar o barría nas mareas vivas desde o oeste, antes de facer o dique.