Por Galicia Confidencial | Santiago | 13/01/2012 | Actualizada ás 14:29
O 31 de decembro a Televisión de Galicia estableceu unhas novas condicións para o convenio que desde hai anos mantiña este medio de comunicación con Meteogalicia para a información do tempo. O convenio, agora modificado, establecía o asesoramento técnico para a elaboración dos espazos meteorolóxicos da cadea que se encargaban de supervisar e presentar científicos especialistas nese campo procedentes de Meteogalicia e que a TVG formou como comunicadores. De feito, durante anos a canle autonómica galega foi unha canteira de meteorólogos especializados en información televisiva da que se nutriron outros medios públicos para ofrecer a súa información meteorolóxica.
Con todo, dende o 1 de xaneiro os espazos do tempo están supervisados e presentados por redactores do cadro de persoal da TVG e non por meteorólogos, ao contrario do que acontece nos restantes medios de comunicación audiovisual. Algúns deles teñen pouca experiencia diante das cámaras nun plató, tarefa na que só se gaña soltura pasando horas diante do obxectivo.
O Comité de Empresa da Televisión de Galicia manifesta "todo o seu respecto a estes xornalistas, pero considera que prescindir dos físicos especialistas representa unha grave perda de rigor e calidade da información meteorolóxica, un servizo fundamental para un país cun importante sector primario tanto marítimo como agrario".
Para os representantes sindicais o novo convenio, que podería terse reducido dos 120 mil euros anuais ata os 60 mil, non representa ningún aforro económico, xa que a TVG debe asumir os custos laborais dos novos presentadores cando antes era Meteogalicia quen se facía cargo do salario dos meteorólogos.
Para o Comité resulta sospeitoso que a cadea tomase esta decisión "pouco despois de que os tres físicos e presentadores dos que agora se prescinde interpuxesen nos tribunais do social demandas de recoñecemento de dereitos que afectan á CRTVG".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.