Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2019 | Actualizada ás 18:03
A sexta edición do Foro Abanca Responsable chega por primeira vez a Santiago de Compostela e terá como eixo central a transformación dixital socialmente responsable. O evento celebrarase no Centro Abanca Obra Social da compostelá Praza de Cervantes o vindeiro venres 24 de maio entre as 10.30 e as 13.30 horas.
O foro, tal e como explicou Abanca nun comunicado, terá como obxectivo o promover no tecido empresarial galego unha reflexión sobre os efectos que producen a tecnoloxía e a dixitalización nas vidas das persoas, así como as súas implicacións éticas, económicas, sociais e ambientais.
Nesta edición, tres organizacións de diversos tamaños presentarán a súa experiencia. Serán Teimas Desenvolvemento, desenvolvedora compostelá de solucións de software e hardware para o sector da recuperación e a reciclaxe; TokApp, que oferta aplicacións de mensaxería e pagos, e Abanca Innova, a aposta de Abanca para promover iniciativas innovadoras no ámbito tecnolóxico desde Galicia.
O programa da xornada incluirá tamén, segundo indicou Abanca, "dous breves relatorios a cargo da Fundación Seres, entidade privada que ten como obxectivo promover que as empresas axuden a crear valor e eríxanse como axentes crave para resolver problemas sociais, e Mobile Week Coruña, evento impulsado por Mobile World Capital Barcelona e que converteu a Galicia o pasado mes de novembro no epicentro do debate tecnolóxico con máis dun centenar de actividades gratuítas nas que participaron máis de 2.000 persoas".
Do mesmo xeito, haberá espazo para coñecer outros proxectos, como o proxecto Neta V3A para un robot asistencial galego ou a plataforma 'Quero un avó' que pon en contacto a persoas maiores con familias con nenos, por exemplo. Por último, a entidade aclara que as prazas son limitadas e que as persoas interesadas en asistir a esta nova edición do evento, de carácter gratuíto, poden anotarse a través do domicilio electrónico foroabancaresponsable@abanca.com.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.