A Xunta redifine a política de museos

A futura lei de museos de Galicia creará o Consello de Centros Museísticos para a súa coordinación e dirección.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2019 | Actualizada ás 20:14

Comparte esta noticia

O Goberno galego autorizou este xoves a tramitación do anteproxecto da futura lei de museos e outros centros museísticos de Galicia, que prevé a creación do Consello de Centros Museísticos, un órgano administrativo destinado á súa dirección e coordinación.

Así o explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen, na comparecencia posterior á reunión co seu Executivo, dixo que espera que esta norma "nova" e "pioneira" sexa aprobada polo Parlamento autonómico ao longo de 2019.

Máis concretamente, o mandatario valorou que o texto dará "seguridade xurídica" ao definir cada unha das tipoloxías que integran o concepto "xenérico" de centro museístico e dentro das cales se engadirá unha nova categoría, a de centros de interpretación do patrimonio cultural. E é que, por primeira vez, a lei asentará a "pluralidade" tipolóxica de centros deste tipo na Comunidade.

Ademais, establecerá o Sistema Galego de Centros Museísticos, co fin de mellorar a organización e o funcionamento das institucións que o integren e facilitará a creación de redes de centros museísticos para a cooperación no aproveitamento dos medios dos que dispoñen.

Tamén se adoptará un rexistro xeral de centros museísticos, unha ferramenta na que se inscribirán que "substituirá e perfeccionará", segundo subliñou Feijóo, o actual Censo de Museos de Galicia, que conta cun total de 93 centros.

Deste xeito, o presidente da Xunta explicou que este rexistro xeral tamén recollerá os datos sobre a súa "titularidade, domicilio, denominación, tipoloxía e ámbito temático, descrición dos bens inmobles que o conforman, recursos humanos, áreas funcionais, servizos que presta, horarios e réxime de visita pública".

Outro dos aspectos nos que a lei fai fincapé é no ámbito do TIC e da investigación, que se preverá como unha función e, á vez, como un deber dos museos.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugura o Museo da Ciencia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugura o Museo da Ciencia | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta