Lingua e letras

Pasou o día igual que pasa o afiador: asubiando. A xornada que homenaxea as letras galegas volveu transcorrer sen deixar pegada ningunha. Sen causar ningún efecto nin consecuencia. Asubiando...

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 20/05/2019

Comparte esta noticia

As librarías están pechadas. As bibliotecas non abren. As editoriais aforran o soldo dos traballadores. Os colexios celebran o día festivo, coma o resto dos cidadáns. Uns poucos, cada vez menos, xúntanse para lambérense as feridas, que nin tan sequera proen xa.

A Academia levou a súa homenaxe a Fraguas á escola onde estudou en Cotobade. RAG - Arquivo
A Academia levou a súa homenaxe a Fraguas á escola onde estudou en Cotobade. RAG - Arquivo

Foi Antonio Fraguas coma puido ser calquera cun chisco de apoio sempre que levase soterrado uns cantos anos. E que tivese feito algo en lingua galega, iso si. Con todo o agarimo e respecto, que un non quere faltar. Nada máis ilustrar unha situación: o desleixo que se vive arredor da lingua galega, esa que case ninguén fala entre a xente nova, esa que case ninguén le nin estuda.
O Día das Letras non pasa de ser un placebo que nos administramos entre nós como se valese para algo. Publiquei o dezasete o seguinte tuit: “Quen e onde se celebraría a agonía dun moribundo? Eu celebrarei o Día das Letras Galegas cando se implante unha política lingüística capaz de darlle a volta á negra tendencia na que estamos instalados”.

Sobre a política lingüística, a dereita galega non agocha as intencións. Na miña cidade, a candidata do Partido Popular utiliza na súa propaganda o castelán en exclusiva (supoño que é a práctica do PP en todo o país). Mesmo atrévese a propugnar que “la cultura vuelva a ser principal”. Así, en castelán. A cultura galega haberá ser tamén en castelán. Secándolle ao galego ata ese oasis derradeiro.

O outro partido de dereitas, Ciudadanos, proclama como primeiro argumento propagandístico que vai “acabar con la discriminación por razón de lengua”. Nin sequera está disposto a admitir a diglosia actual. Quere a defunción da lingua galega. Mesmo contra o principio universal de diversidade cultural. Mesmo contra os múltiples ditames dos organismos internacionais. Mesmo contra a propia lexislación europea e española, contra a Constitución e contra o Estatuto de Autonomía.

O instituto María Casares de Oleiros organizou unha marabillosa iniciativa co gallo do Día das Letras (podes consultala nesta ligazón). Tómese como exemplo do que se pode facer. Librarías, bibliotecas, colexios, asociacións, celebrando debates, lecturas, charlas, concursos, concertos... en torno á lingua galega. Queremos unhas Letras, unha Lingua, vivas e non meramente testemuñais. Queremos unhas Letras, unha Lingua, que se fale, que se aprenda, que se comparta e se goce. Queremos unhas Letras, unha Lingua, con futuro e non so con pasado.
Para iso, xa sabedes: precisamos outra política lingüística. Precisamos doutras forzas que nos entendan e representen.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego