"Si pides firmar en gallego no te operamos"

A Mesa acaba de denunciar o que considera un "gravísimo" caso de discriminación lingüística acontecido nun hospital en Vigo.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 22/01/2012 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

Segundo informa A Mesa, un paciente que ía ser operado no Hospital Nosa Señora de Fátima pediu que o consentimento informado que tiña que asinar estivese no seu idioma. O hospital é privado, mais ten un convenio co SERGAS.

 

A resposta que recibiu o doente foi que non tiñan o documento en galego nin tiñan por que telo. "Total, nin que o hospital estivese en Galiza! Total, nin que reciban montes e moreas de diñeiro público do Goberno galego! Por que ían ter eles que garantir os dereitos para uns cidadáns de segunda, cuxo idioma non merece figurar en ningures?", apunta o presidente da Mesa, Carlos Callón, no seu blog.

 

Actitude exemplar

 

O home afectado pola discriminación, "cunha actitude exemplar para todas e todos nós", mantívose firme na súa exixencia. Como non ía ao rego, desde o Hospital chegaron a ameazalo con que se continuaba coa súa petición de asinar un documento en galego non o operarían.

 

"É demasiado. Por fortuna, o doente non só non calou, non só non permitiu que lle vulnerasen os seus dereitos, senón que puxo o caso en coñecemento dunha avogada e da Mesa pola Normalización Lingüística, da cal é membro", asegura Callón.

 

A asociación exixiu á Consellaría de Sanidade unha inmediata investigación que se traduza de contado na aplicación das medidas para garantir que o uso do galego polas ou polos doentes non se teña que ver convertido sempre nunha auténtica carreira de obstáculos, e menos perante situacións tan delicadas como unha intervención cirúrxica.

 

Garantir os dereitos lingüísticos

 

A maior asociación cultural de Galiza reclamou tamén á consellaría dirixida por Rocío Mosquera que, mentres existan os concertos con centros médicos privados, Sanidade actúe para garantir os dereitos lingüísticos, tanto dos doentes como do persoal, e para que a lingua propia de Galiza deixe de ser unha lingua de segunda no ámbito sanitario.

 

A Mesa, por último, anima a todas as persoas sensibilizadas coa diversidade lingüística e cultural e contrarias a calquera tipo de discriminación a dirixiren correos electrónicos á dirección do Hospital Nosa Señora de Fátima para lles recordar que "o galego é un idioma oficial e que na nosa sociedade xa non teñen cabida comportamentos discriminatorios coma este". O correo é: hospitalfatima@hospitalfatima.nehos.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 32 comentarios

6 Manuel

O futuro do idioma está en xente que non tolera que nos discriminen. Ánimo, compañeira ou compañeiro!

5 balbino

Supoño que GB, UPYD e o defensor do pobo non tardarán en esixir responsabilidades ao Hospital Fátima e a consellaría de Sanidade. Espero, tamén, que o valedor inste a Conselleira para que tome medidas, e esta, asemade, tome as medidas oportunas no centro hospitalario para que se cumpra a legalidade vixente. Non dubido que así se fará.

4 Nilo

O peor é que co lavado de cerebro que lle meten a moita xente os do hospital pensaran que dicir "Si pides firmar en gallego no te operamos" non é dun brutal nacionalismo imperialista español, non é nacionalista, non, non, é non nacionalismo, e o do home que pedía normalidade linguistica no seu país é un nacionalista galego radical.

3 Escándalo

Liberdade? Sempre que cedas nos teus dereitos!. Cando esixes na túa comunidade, en qalego por favor, enton empeza o calvario das ofensas e negacións de dereitos fundamentais.

2 Eu.gz

Coa Mesa na rúa, a defensa dos nosos dereitos continúa!

1 Manuel

Sen dúbidas! Aínda bo é que hai quen ergue a voz!