Por Galicia Confidencial | | 22/05/2025 | Actualizada ás 08:49
A Plataforma SOS Sanidade Pública Ourense denuncia o peche encuberto da Unidade Post-COVID da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, unha medida que deixa sen atención especializada a centos de persoas afectadas pola COVID Persistente. A Plataforma reclama a súa reapertura inmediata e a creación dunha unidade multidisciplinar que garanta unha atención digna e integral.
Tras a asemblea veciñal aberta celebrada o pasado 7 de maio, naceu unha nova coordinadora cidadá co obxectivo de facer fronte, por orde de urxencia, aos problemas máis graves que afectan ao sistema público de saúde en Ourense. A primeira acción da Plataforma céntrase precisamente no abandono institucional das persoas con COVID Persistente, unha enfermidade crónica, incapacitante e multiorgánica que, segundo datos da OMS, podería afectar hoxe até ao 5 % das persoas contaxiadas, porén nas primeiras ondas a porcentaxe foi maior. No caso de Galicia, isto supón preto de 70.000 persoas.
O pasado 10 de abril, máis de 40 persoas afectadas por esta doenza concentráronse diante do CHUO para denunciar a desactivación e desmantelamento da unidade, entregando máis de 1700 sinaturas en defensa da súa continuidade. A unidade, que chegou a contar con tres médicas, quedou sen persoal médico en setembro de 2024. Desde entón, só se manteñen servizos parciais de enfermaría e psicoloxía, sen atención integral nin seguemento especializado.
"A pesar da entrega das sinaturas e da reiteración das demandas, a xerencia da Área Sanitaria non se puxo en ningún momento en contacto con este colectivo de persoas afectadas. Nin sequera atende ás chamadas realizadas, alegando unha axenda demasiado cargada. En definitiva, non dá a cara e ningunea ás persoas pacientes, mostrando unha absoluta falta de sensibilidade e responsabilidade institucional", denuncia a plataforma nun comunicdo.
DESPROTECCIÓN
Así, considera que este peche é un novo exemplo do desmantelamento silencioso da sanidade pública por parte do SERGAS, que segue a recortar servizos esenciais mentres favorece a derivación cara á sanidade privada. A ausencia de protocolos claros en atención primaria, a falta de formación dos profesionais e a inexistencia dun itinerario asistencial deixan ás persoas afectadas sen diagnóstico, sen tratamento axeitado e en situación de desprotección.
Ante esta realidade, a Plataforma SOS Sanidade Pública Ourense esixe a reapertura inmediata da Unidade Post-COVID no CHUO, dotada dun equipo multidisciplinar e con atención médica especializada. Reclama tamén a implantación dun protocolo claro de diagnóstico e derivación desde os centros de saúde, así como atender ao recoñecemento oficial da COVID Persistente como unha enfermidade crónica e discapacitante , con acceso a prestacións e recursos específicos. Ademais, considera imprescindible impulsar a investigación pública sobre esta patoloxía e os seus tratamentos, co fin de garantir unha resposta sanitaria axeitada e baseada na evidencia.
Ademais, a Plataforma sinala que “Ourense era vangarda sendo o único lugar do territorio galego en que existía esta unidade” e lamenta “volver ás prácticas de derrube da sanidade pública en Ourense, eliminando esta unidade que chegou ter en consulta a máis de 300 persoas”, A Plataforma advirte que, se non se atenden estas demandas, continuará organizando accións e mobilizacións. A situación das persoas con COVID Persistente non pode seguir invisibilizada nin desatendida. “Somos homes e mulleres en corpos de anciáns. Non nos van silenciar. Loitaremos ata o final por unha sanidade pública de calidade”, lembran desde o colectivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.