Cánticos, bágoas e emoción no recibimento en Santiago dos últimos 274 militares despregados en Líbano

Estiveron alí seis meses, "verificando o cesamento de hostilidades" entre Israel e Líbano.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2019 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

Centenares de familiares con globos e pancartas congregáronse á primeira hora da mañá deste mércores no Aeroporto de Santiago de Compostela para recibir aos últimos 274 militares da Brilat despregados en Líbano, que regresaron a España tras seis meses de misión.

Os militares aterraron en Lavacolla pouco antes das 7,00 horas e, tras unha espera que se lle fixo "eterna" aos seus familiares, puideron abrazalos, entre cánticos, risas e bágoas de emoción, especialmente dos numerosos nenos que se congregaban no aeródromo.

As familias coincidiron en destacar a "dureza" destas misións tamén para os que quedan en España e, cunha emoción visible, deron numerosas mostras de alegría polo regreso dos efectivos, que agora pasarán uns meses nas súas casas.

O Xefe de Estado Maior durante a misión en Líbano, Federico Sáez Peco, destacou á súa chegada a "ilusión" que supuxo para os soldados tanto o despregamento como o regreso, que cualificou de "moi emocionante" tras unha "misión dura". "Estamos moi contentos co resultado e, tras seis meses coa familia lonxe, encantados de volver", dixo, as declaracións aos medios tras aterrar en Santiago.

FIN DA MISIÓN

Os que chegaron este mércores a Galicia son os últimos 274 militares despregados na zona, polo que, lembrou Sáez Peco, unha vez que "todo o mundo estea na súa casa, a misión terminaría". Durante este medio ano en Líbano, os militares españois estiveron encargados de "verificar o cesamento e hostilidades entre Israel e Líbano", a través de patrullas e observatorios, fomentando tamén "relacións coa poboación local".

Sáez Peco explicou que os 3.500 homes despregados sobre o terreo, de oito nacionalidades, realizaron da orde de 220 patrullas ao día nun sector do sur de Líbano, ademais doutro tipo de proxectos no que cualificou dunha misión "moi bonita, pero moi demandante".

Militares da Brilat chegan a Galicia logo da súa misión no Libano
Militares da Brilat chegan a Galicia logo da súa misión no Libano | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta