O PSdeG aumenta o seu poder municipal e o PP resiste co 75% escrutado

"O PP empeza a ser parte da historia de Galicia" di Gonzalo Caballero. Os socialistas gobernarían en Vigo, Lugo, Santiago, A Coruña, Ourense e Ferrol e o BNG en Pontevedra.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/05/2019 | Actualizada ás 22:21

Comparte esta noticia

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, celebrou o "novo triunfo" do PSdeG fronte á "hecatombe" do PP nas eleccións municipais e europeas deste domingo en Galicia. "As principais alcaldías de Galicia van estar lideradas polo PSdeG", sinalou.

Enquisa para a CRTVG a pé de urna.
Enquisa para a CRTVG a pé de urna.

Xa cos datos practicamente ao 100% escrutados, Gonzalo Caballero volveu a comparecer por segunda vez ante os medios de comunicación para destacar que a súa formación "terá a responsabilidade de abrir fases de progreso en seis do sete grandes cidades galegas". "O PP empeza a ser parte da historia de Galicia pero nós queremos ser o presente e o futuro dos galegos. É un camiño sen retorno cara a unha nova Galicia, cara a unha Galicia do avance social", subliñou.

Despois de sinalar que a deste domingo é unha "noite histórica" para a política galega cun "avance moi nítido" da organización que lidera, o dirixente socialista apuntou que o PSdeG é a "forza política que máis sobe". "Subimos máis de 110.000 votos con respecto ás municipais de fai catro anos mentres que o Partido Popular retrocede en votos, representantes e alcaldías no conxunto do país", sinalou.

En concreto, precisou que, nestes comicios locais, o PP alcanza "499.385 votos, un 33,34%" do apoio; "fronte aos 490.923", e o 32,77% que ten o PSOE". Por iso, tras felicitar a "todas as forzas que alcanzaron apoio" nesta cita electoral, estendeu esta felicitación ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, ao que lembrou que só alcanzou "un 0,5% máis de votos" que o PSOE.

"SEGUNDA VOLTA"

"Nesta segunda volta electoral de eleccións municipais, autonómicas e europeas, os socialistas volvemos gañar para que a senda de avance social liderada por Pedro Sánchez siga adiante", destacou. Así, incidiu en que, despois de que o PSdeG fose primeira forza en Galicia nas xerais, "hai un novo triunfo electoral do Partido Socialista". "Podemos sinalar que é a forza política que lidera unha maioría de progreso en Galicia, que avanzamos en resultados no escenario urbano e no medio rural, que imos ter máis representantes, máis posicións de goberno e, sobre todo, máis apoio dos galegos e galegas", manifestou. Por todo iso, na súa segunda comparecencia, indicou que o "gran pau" que, na súa opinión, rexistra o PP nestes comicios supoñen un "adianto" das "novas tendencias electorais" que haberá en Galicia nas seguintes convocatorias".

Todo iso nunhas intervencións nas que tamén se referiu a os resultados xa practicamente pechados dos comicios á Eurocámara. "Queremos pór en valor que nas eleccións Europeas en Galicia, o PSdeG, con medio millón de votos, volve ser a primeira forza política en Galicia", expresou. Aínda que o xefe de filas dos socialistas galegos subliñou na súa intervención que as "perspectivas son moi positivas", Gonzalo Caballero non se pronunciou polo momento sobre os posibles resultados as Deputacións provinciais.

"UN NOVO TEMPO EN GALICIA"

Á vista destes datos, Gonzalo Caballero incidiu en que se abre un "novo tempo en Galicia liderado polo PSdeG". "Somos un partido para encarar o futuro de Galicia con vocación maioritaria", manifestou. Así mesmo, puxo en valor o "discorrer da xornada" no conxunto dos concellos "con total normalidade", así como o nivel de "participación". Ademais, agradeceu o labor da militancia, apoderados e interventores.

Desde o peche das urnas, na sede do Partido Socialista de Galicia respirábase certa alegría no que xa é o segundo exame electoral ao que se enfronta o PSdeG con Gonzalo Caballero á fronte dada a posibilidade de mellorar os resultados nos concellos, especialmente nas grandes cidades. Precisamente, co escrutinio practicamente pechado, o Partido Socialista gaña as europeas en Galicia e imponse como primeira forza en tres cidades, Vigo, Ourense e Santiago. Ademais, mellora marcas amplamente na Coruña --onde está practicamente empatado co PP-- e Ferrol, nas que ten posibilidades para facerse co bastón de mando.

Estas cifras reforzan o liderado do secretario xeral dos socialistas galegos que, proximamente, desembarcará no Parlamento de Galicia. En concreto, o político vigués, que concorreu como número cinco nas listas do PSdeG por Pontevedra, --os socialistas fixéronse con catro escanos-- pasará a ocupar a acta que deixa Abel Losada, que foi elixido os comicios deste domingo como edil do Concello de Vigo.

RESULTADOS

En Vigo, o PSdeG obtería 20, o PP 4, Marea 2 e BNG 1

En Santiago, co 37%, o PSdeG obtería 9 edís, o PP tamén 9 e Compostela Aberta 5 e o BNG 2

Na Coruña, co 44%, o PSdeG obtería 9 concelleiros, o PP tamén 9, Marea Atlántica 6, o BNG 2 e Cs 1.

En Lugo, o PP obtería 11 concelleiros, o PSOE 8, o BNG 4 e Ciudadanos 2

En Ourense, o PSOE obtería 9 concelleiros, o PP 7, Democracia Ourensana 6, Ciudadanos 3 o o BNG 2

En Lugo,  o PP obtería 10 concelleiros, o PSOE 8, o BNG 5 e Ciudadanos 2 

En Ferrol, o PP tería 12 concelleiros, o PSOE 8, Ferrol en Común 3 e BNG 2

En Pontevedra, o BNG tería 11 concelleiros, PP 10 e PSOE 3.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta