Loito na Deputación de Pontevedra pola morte dos tres mozos na AP-9

Os estudantes eran moi coñecidos en Redondela que tamén decretou dous días de loito oficial.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 30/05/2019 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou as condolencias da institución provincial ás familias, amigas e amigos das dúas mozas de Redondela e do mozo de Pazos de Borbén falecidos a noite deste xoves nun tráxico accidente da AP-9, ao seu paso pola zona viguesa de Teis.

Desde primeira hora, as bandeiras da Deputación nas sedes de Pontevedra e Vigo ondean a media ata en sinal de respecto e dor. "Creo que neste momento toda a provincia de Pontevedra quere estar á beira das familias, das amigas e dos amigos dos mozos e do mozo de Redondela e Pazos, e dos veciños destas localidades. De verdade que o sentimos moitísimo", asegurou Carmela Silva, "eran persoas moi novas e tiñan toda a vida por diante".

As tres vítimas mortais do sinistro e os dous mozos feridos estudaban no mesmo instituto de Redondela, onde eran moi queridos, tanto nesta localidade como en Pazos, xa que en Nespereira vivía un dos falecidos, sinala a Deputación nun comunicado.

Carmela Silva tamén mostrou a súa preocupación polo estado do condutor e do copiloto, tamén de Redondela, que están feridos e a quen lles transmitiu o seu desexo de pronta recuperación.

A presidenta provincial trasladou "un abrazo moi grande" ás familias afectadas polo accidente e o agarimo da institución "aos pobos de Redondela e Pazos, en nome do goberno provincial". Do mesmo xeito, tamén quixo agradecer o traballo das persoas e dos servizos de emerxencias que prestaron a súa axuda tras o sinistro.

Sede da Deputación de Pontevedra
Sede da Deputación de Pontevedra | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta