O drama das familias con falecidos no mar: "No Sin Querer Dos que morreron: persoas ou porcos?"

Emilia Láuzana é a tia de Jose Ángel Sangurjo, falecido fai case seis meses no porto de Malpica. Un día antes afundía o "Sin Querer Dos" na costa de Fisterra, morrían 4 tripulantes entre os que se atopaban Teófilo Rodríguez. Oristila Sanisidro, a súa muller, loita a día de hoxe para esclarecer as causas da súa morte. En ambos os dous casos denuncian o abandono por parte da Administración galega.

Por Brais Nogueira | Muxía | 31/05/2019 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

A madrugada do 20 de decembro do ano 2018, na dársena do porto de Malpica produciuse un accidente mortal de barco que se levou a vida de José Ángel Sangurjo. Ás 4:45 da mañá, o pesqueiro “A Silvosa” afundiu no porto coruñés. As tres persoas que acompañaban á vítima foron quen de subir ata unha boia próxima, pero Sangurjo quedou atrapado nas redes da embarcación e foi rescatado por uns buzos. Nada se puido facer pola súa vida. Esta traxedia produciuse soamente un día despois do naufraxio en Fisterra do “Sin Querer Dos”, que produciu a morte de catro mariñeiros de Cambados.

Zona do naufraxio do Sin Querer Dos preto de Fisterra
Zona do naufraxio do Sin Querer Dos preto de Fisterra

A tía de Sangurjo, Emilia Láuzana, relata que é unha zona moi perigosa: “Esa dársena ten unhas correntes tremendas porque a lonxitude do martelo é moi pequena. Hai que ter moita pericia para poder cruzala". Lembra que a traxedia que rematou coa vida do seu sobriño produciuse cando saía do porto. Antes do accidente xa se dera algunha que outra incidencia dado o perigo do tramo. Salvador Ribadomar, mariñeiro con corenta anos de experiencia e membro da Irmandade Mariñeira de Galiza é moi claro respecto á situación do peirao: “É xogarse a vida cada vez que se entra ou se sae co barco”.

Oristila Sanisidro é a esposa de Teófilo Rodríguez, un dos homes perecidos no naufraxio en Fisterra do “Sin Querer Dos”. “Tantos meses despois, aínda non sabemos de quen foi culpa porque o seguro do barco non quere proporcionar a documentación, e cando non o quere facer é porque hai gato encerrado”, aventura. As últimas palabras que escoitou do seu home foron que xa estaban volvendo a casa: “Díxome que ían a volver a modo, porque había olas de tres ou catro metros. Cando cheguei a casa vin na televisión que estaba o barco no fondo”.

PROBLEMAS COA ADMINISTRACIÓN

Para a familia de Sangurjo, a actitude das diferentes administracións deixou bastante que desexar: “Ao principio nós non queriamos ter contacto nin coa prensa nin con ningunha autoridade, era un momento de loito, pero todo o mundo apareceu no tanatorio: o patrón maior, o alcalde e incluso Rosa Quintana, a Conselleira de Mar”. Pero este apoio non durou tanto como cabería esperar: “No enterro non había xa ninguén, eu non sei se viñeron ese día soamente a sacarse a foto ou non, pero foi o que pareceu”.

Estado do Porto de Malpica, moi lonxe de ser adecuado
Estado do Porto de Malpica, moi lonxe de ser adecuado

Sanisidro explica que nun primeiro momento a Conselleira de Mar tamén lle mostrou a súa axuda e apoio pero que despois quedou en nada: “Dixo que ía a estar para o que fixera falta, que colaboraría en todo o posible, pero a realidade é que dende ese día non sei que é dela”. Relata que nin tan sequera foi quen de axudala para lograr o último desexo do seu home: ser incinerado. “Conseguímolo grazas ao noso avogado, que moveu todo o que fixo falta para que fora así”.

Láuzara relata que o 18 de xaneiro celebrouse unha reunión entre a súa irmá, nai do falecido, e Quintana. “Soamente unha, non varias como se dixo posteriormente”, apunta. Segundo conta, nese momento a Conselleira dixo que non tiña un bo coñecemento da situación do porto de Malpica pero prometeu que analizaría o tema “a fondo”. E que o máis urxente, que era solucionar os problemas da dársena “íase facer xa”. En febreiro, o parlamento de Galicia aprobou que tiña que arranxarse, “pero máis de tres meses despois non se fixo absolutamente nada”, laméntase.

A partir desa reunión, denuncia que seguen sen novas da Administración. “Nin tan sequera unha chamada, nada. Ademais, non responden aos nosos intentos de comunicarnos”. Para tentar exercer presión e que se arranxe a situación, a familia puxo en marcha unha campaña en change.org, na que levan “máis de 10.000 sinaturas”. Teñen pensado presentalas en público coincido co día no que se cumpran seis meses do falecemento de José Ángel.

“ABANDONO TOTAL”

Ademais das deficiencias estruturais que fai tan perigoso transitar polo porto, Láuzara denuncia o mal estado da zona. “Está chea de plásticos e pneumáticos que soamente quitaron cando se pensaba que podería vir Feijóo á zona, cousa que ao final non ocorreu”. Para Ribadomar a situación é moi alarmante: “Se morre alguén máis neste porto, os únicos responsables serán os que non fixeron nada para evitalo. Arranxar o dique enteiro pode custar sobre 300.000 euros, pero canto custa unha vida humana?, pregúntase.

A mesma pregunta ao aire lanza Sanisidro: “No Sin Querer Dos que morreron persoas ou porcos? Porque aquí o único que parece que importa son os millóns que perdeu o patrón do barco”. Explica que unha das cousas que máis lle molestou foi que el non se comunicou con ela ata unha semana despois da traxedia. “Aí xa era tarde, xa pasara todo o gordo, ademais a escusa que puxo foi que estaba moi mal porque investira moito na embarcación e para min non importan nada os cartos comparado cunha vida humana", laméntase.

Láuzana denuncia o “abandono total” que está a sufrir a súa irmá, que ademais xa perdera ao seu marido fai anos noutro accidente no mar: “Está derrubada”. Non soamente carga contra a Xunta de Galicia, tamén contra Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías de Pescadores (FNCP). “Foi a primeira persoa coa que contactei. Mandeille un correo electrónico pedindo que nos axudara e a súa contestación foi que tiña a miles de persoas ao seu cargo e moitas cousas que facer”. Tamén sinala que enviou unha petición a Bruxelas e a única resposta que obtivo foi que “iso non era da súa competencia”.

Emilia Láuzana e Orisitila Sanisidro son dúas mulleres unidas pola traxedia e que o único que queren é que lles traten con dignidade. “Eu o único que quero é saber a verdade do que pasou ese día”, implora Sanisidro. En ambos os dous casos a Administración soamente apareceu nun principio para despois non socorrer as súas demandas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta