Carmela Silva non aclara se o PSOE pretende gobernar a Deputación de Pontevedra en solitario ou co BNG

Apraza abordar o futuro Goberno provincial ata constituírse os concellos. "Xa sei que vostedes non teñen ningunha dúbida de que o PSOE vai propor a actual presidenta, que son eu, como candidata", chanceou

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2019 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A presidenta en funcións da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, aprazou abordar a composición do futuro goberno provincial, no que actualmente está en coalición co BNG, ata despois da constitución dos concellos. "Ata que iso suceda non imos estar a outra cousa", dixo Silva sobre o ente provincial, no que o PSOE se quedou a un deputado da maioría absoluta nas eleccións do pasado domingo 26 de maio.

Carmela Silva e Abel Caballero
Carmela Silva e Abel Caballero | Fonte: Deputación de Pontevedra.

Así, evitou facer concretar se o Partido Socialista optará por gobernar a administración provincial en solitario ou buscará reeditar o pacto co BNG. "Nada se está falando do goberno da Deputación, iso farase despois do día 15", sinalou.

Neste sentido, insistiu en que "ata ese momento" non vai facer "ningunha declaración, nin a xerar ningunha controversia", porque lle parece "moi irresponsable".

Silva pediu "seriedade e rigorosidade", xa que toda a provincia está pendente da constitución dos concellos e dos pactos "para que conformen gobernos de progreso". Por iso, reclamou o "protagonismo" para as corporacións municipais ata a constitución dos novos gobernos nas sesións plenarias convocadas o 15 de xuño.

Tamén dixo que "a presidenta da Deputación non está noutra cousa que en seguir gobernando", e chanceou cos xornalistas afirmando: "Xa sei que vostedes non teñen ningunha dúbida de que o PSOE vai propor á actual presidenta, que son eu, como candidata", dixo en ton de broma, tras o que insistiu en respectar os tempos.

"E eu vou seguir o procedemento por respecto ás persoas que teñen que tomar decisións", sinalou Silva, quen incidiu en que os bos resultados que obtivo o PSOE, que lle deixan a só un deputado da maioría absoluta, non cambian a súa percepción "positiva" deste catro anos de cogoberno co BNG na Deputación de Pontevedra: "Estou absolutamente orgullosa e satisfeita do goberno, das 14 deputadas e deputados".

"UN GOBERNO QUE TRANSFORMOU"

"É unha evidencia, non é que o diga eu, sábeno as 900.000 persoas que viven nesta provincia, que é un goberno que transformou radicalmente esta Deputación, en todos os ámbitos e áreas", dixo Silva.

A decisión de gobernar en solitario ou renovar o pacto co Bloque tomarase "de forma colaborativa", aclarou Silva. "Xa saben que eu non son de tomar decisións unipersonais, senón que sempre traballo en equipo", puntualizou.

AGRADECEMENTO ESPECIAL

Na súa comparecencia deste venres na Deputación pontevedresa para informar dos asuntos tratados na xunta de goberno, Carmela Silva aproveitou para dar as "grazas a todos vos candidatos socialistas".

Así, tivo un recoñecemento especial ao secretario xeral do PSdeG-PSOE na provincia, David Regades, porque todos eles "fixeron un gran esforzo e unha gran campaña", que levou o PSdeG a ser "o partido máis votado e a primeira forza na provincia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

4 Gamela

¿Por que subiron os socialdemócratas e baixaron as alternativas de esquerda? Velaí unha boa análise feita dende Barcelona http://www.sinpermiso.info/textos/e...

3 Artaico

Unha socialista millonaria (típico no P$o€) ríndolle as gracias ó cacique hiperlocalista (Paco Vázquez 2). O PP é unha desgraza pra Galiza pero istes vividores (alguén se lembra dos sen teito e pobres sen axudas de Vigo?) son a cara visible do neoliberalismo "amigo".

2 Gamela

Sen dúbida Carmela nunca toma decisións unipersoais (porque non pode) as decisións as toma por ela o Patrón Maior da Confraría (Abel Caballero!) Faltaría máis... e será Abel quen decida se gobernan en solitario o se renovan co BNG... (agora a ver como vai abrir a boca no Concello de Vigo o novato do BNG?) Teremos tres paniaguados de Abel = os dous da Marea e o becario do BNG !!!

1 Lolla

Canto queda por facer na esquerda machista. Ela (pobriña) non, O PATRÓN si, claro, como non!!!

2 Gamela

Podo responder a Lolla? / De pobriña nada de nada, vive mellor que o Patrón, na illa de Toralla coma fan tódolos bos SocioListos !!! https://i.gal/VigoDenuncia

1 Antonio V.

Fai ben non adiantarse, non vaia ser que Caballero (Gonzalo) propoña a outro/a, e q non repita como presidenta. Pero non creo que se atreva, pois implicaría de xeito automático perder as eleccións autonómicas e o seu cesamento na presidencia do PSdG.