Dos ultramarinos ás tendas de souvenirs: como cambia o comercio local e a economía das cidades

O turismo deixa a súa pegada sobre os lugares dunha cidade, que cada vez están máis dirixidos á xente que vén de visita. No medio desta tendencia, o comercio local e emblemático intenta resistir ao peche ou seguir apostando por proxectos propios. Nesta reportaxe, o CG fala cos propios comerciantes e co xeógrafo Xosé Constenla sobre o presente das cidades e os camiños futuros dos negocios locais.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 07/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"É difícil resistir á competencia dos grandes, a xente marcha da zona vella, os apartamentos alúganse por tres ou catro días e a clientela fixa vaise reducindo. Loitamos como podemos. Tampouco hai queixa, non vai ser todo chorar!". José Luís Cepeda leva ao cargo de ultramarinos Cepeda case sesenta anos, cando relevou ao seu pai no negocio. É un local en aparencia cativo situado na praza de Cervantes - antiga praza do Pan - de Santiago. José Luís recorda que hai moito tempo alí se fabricaban chocolates. "Onde agora ten a miña filla a clínica de podoloxía era por onde entraba a mercancía toda: bidóns de aceite, sacos de azucre...". Hoxe en día, Cepeda é un deses espazos que regalan cercanía, familiaridade e atención personalizada en cada unha desas bolsas de cartón onde empaquetan os seus produtos a granel.

Jorge Riande en Confecciones Riande
Jorge Riande en Confecciones Riande

Cada lugar dunha cidade garda a súa propia historia. Mais o certo é que hai historias que resisten mellor ca outras. Os cambios de mentalidade, as diferentes maneiras de habitar un lugar, os procesos sociais, políticos e económicos que se producen ao longo do tempo deixan a súa pegada sobre o espazo, ben destruíndo o que xa existía ou xerando novos usos dun mesmo lugar. O xeógrafo e antropólogo David Harvey sinala que o tipo de cidade na que queremos vivir está ligado ao tipo de persoas que queremos ser: depende das relacións sociais que valoremos, dos sistemas de produción que consideremos satisfactorios, e sobre todo, de como queiramos vivir. A sorte que corran os pequenos comercios depende, logo, da sensibilidade que como cidadáns e cidadás teñamos á hora de facer cidade. 

O PEQUENO COMERCIO, IDENTIDADE DUNHA CIDADE

Deixo a Cepeda no lugar de seu e sigo percorrendo a xeografía da zona vella. Indo cara a rúa Casas Reais, vai quedando atrás o lugar da Camisaría Vicente López, Calzados Carmo, a Droguería Perfumería Otero, a libraría Lila de Lilith... e de súpeto, unha tendiña sen nome, solitaria, estreita e agachada. Nela atende unha señora de 79 anos de idade que mesmo segue mantendo algúns prezos en pesetas. Di que na súa casa aínda ten moita roupa e que a vai baixando de vez en cando para liquidala. Quen sabe se será quen de vender todos aqueles vestidos que parecen traídos dos oitenta, pero o dela é traballar e traballar. A cultura do esforzo. E as modas sempre volven...

O xeógrafo Xosé Constenla explica que "a través do comercio pequeno e mediano sustentouse todo un universo de relacións sociais e de coidados e preocupacións en primeira persoa". O comercio local dálle identidade e personalidade a unha cidade, faina única e diversa. Na praza do Toural está Confecciones Riande. Dentro, Jorge Riande rexenta un negocio, de aire señorial e elegante, que se fundou hai case un século, no 1920. "A xente vén e cóntache as súas historias, as alegrías e as penas", di. Un trato que non se ha de atopar nos grandes centros comerciais. "Comigo acaba isto. Os meus fillos buscaron outros camiños", remata por recoñecer cunha lixeira pena xa moi asumida.

Cristina no seu comercio Catrineta
Cristina no seu comercio Catrineta

Os traxes e os diferentes tecidos presiden a xastrería Pepecillo, na rúa do Vilar. Cando entrei, o señor Ismael estaba marcando unha tea para facer un pantalón e a señora Sole contábame con asombro que agora os rapaces lles pedían alquilar a roupa. "Non se leva tela no armario". Os tempos cambiaron e isto quedou desfasado, concluía. Segundo Constenla, esta idea é a que nos intentaron vender dende o neoliberalismo: "levan anos dicindo que o pequeno comercio debe renovarse para poder competir; que o seu problema reside en que non se actualizaron nin ofrecen produtos adaptados á nova realidade de consumo global; pero mesmo moitos daqueles que morderon ese anzol acabaron pechando". A resposta, para el, está en "centos de decisións individuais" e na aposta pola soberanía alimentaria e enerxética.

Algo semellante pensa Cristina, a rapaza que rexenta unha tenda de conservas, a Catrineta, moi preto do Mercado de Abastos, unha zona xa bastante turistificada. Segundo ela, o pequeno comercio ofrece calidade, escolma do produto e consciencia do que se fai. "Non podemos igualar as estratexias de Inditex coas do comercio de proximidade. Nós non podemos ofrecer os prezos de Zara, pero habería que preguntarse por que". Cristina comenta que o comercio local brinda unha boa relación calidade - prezo, e pensa que "é certo que a administración ten que facer camiños - para dar azos ao comercio local -, pero quen temos que ir por eles somos todas nós como consumidoras". 

'PECHA UNHA DROGUERÍA E ABRE UN "LOUNGE BAR"'

A tendencia ao peche dos comercios emblemáticos está á orde do día; e "quen aínda abre a porta a diario, case que o fai heroicamente", sentenza Constenla. A Ferretería Casas Chico, a Droguería Pérez Labarta e o Ultramarinos El Dubres son uns poucos comercios, dunha longa lista, que xa baixaron o toldo por derradeira vez. No seu lugar, ou bares e restaurantes, ou tendas de souvenirs. "A cidade destrúese e reconstrúese para adaptala a aquelas actividades económicas que ofrezan maior rendibilidade aos propietarios", comenta Constenla. Por iso, o turismo manda e os espazos reséntense. 

Quen sempre habita a cidade vaina perdendo. Segundo Constenla, "o dereito á cidade hai que loitalo e conquistalo. Non é algo que nos sexa dado e que non vaiamos perder. As corporacións financeiras tamén consideran que teñen dereito á cidade e os turistas tamén. Polo tanto, que dereito prevalece sobre o outro? No capitalismo, o do máis forte". Fronte a isto, o apoio ao comercio de proximidade convértese, dalgún xeito, na maneira de exercer, como habitantes dunha cidade, ese dereito. 

Cristina recorda que cando chegou a Santiago, hai vinte anos, esta era unha cidade moi diversa. "Agora é unha cidade escenario. E habitar detrás dese escenario ás veces é difícil. Hai menos posibilidades, por exemplo, para consumir outro tipo de comida que non sexa raxo ou polbo, que é o que demandan os turistas". Pérdese, entón, esa diversidade urbana en favor da "infraestrutura propia da demanda turística": "o turismo masivo homoxeniza os usos sociais sobre o espazo porque nunca saímos dos circuítos previamente establecidos; moldea o espazo cara aos seus intereses", di Constenla. A tendeira da Catrineta propón unha medida xa implantada en moitos outros lugares europeos: a cota turística; e pensa que "benvido sexa o turismo educado e culto, mais non tanto aqueles que veñen en grupo e que pasan pola cidade a todo meter".

O FUTURO: "MILITANCIA NO LOCAL"

Neste punto, a vía para que sobreviva o pequeno comercio urbano, segundo o xeógrafo, pasa por unha emancipación en clave de País, "nun xogo moi activo de corresponsabilidade e alianzas co rural próximo e con outras vilas e territorios". Na base popular, nos colectivos e comunidades, nos "vínculos emocionais que son quen de crear lugares" están as chaves "fronte ás lóxicas do capitalismo". Para Constenla, "a militancia no local debe tecerse e construír unha malla máis ampla" para que o pequeno comercio, e polo tanto, tamén as cidades, gocen de boa saúde. 

Kini, da libraría Vetusta, na rúa Nova, ten o cartel de "liquidación total" na entrada do comercio, pero di que está estirando a súa marcha todo o que pode. Cristina comenta que sen esa señora maior que lle vén polo produto de sempre, Catrineta non estaría aberta. Cepeda rescata unha morea de recordos cando mira ao redor dese ultramarinos no que segue traballando. Jorge Riande ten un cliente fixo en Australia e outro en Londres, pódese dicir que é internacional. Ismael e Sole seguen confeccionando traxes á medida, e aquela señora de 79 anos segue abrindo a súa tenda todos os días, aínda que os seus fillos lle digan que xa non merece a pena. 

Estes comercios son da cidade de Santiago e de ningunha outra cidade. Son únicos e singulares. A teórica do urbanismo Jane Jacobs deixou escrito o seguinte no ano 1961. Son desas sentenzas que nunca pasan de moda: "Deixade sitio para a tenda de ultramarinos da esquina. A novidade, e o seu superficial verniz de benestar, é un artefacto moi perecedoiro. É vergoñento e chapuceiro ver como se ilegaliza a diversidade. Cando unha área é totalmente nova non ofrece posibilidades económicas de diversidade humana". (en Muerte y vida de las grandes ciudades, 1961). 

Ismael e Sole en Xastre Pepecillo
Ismael e Sole en Xastre Pepecillo
José Luís Cepeda no seu negocio Ultramarinos Cepeda
José Luís Cepeda no seu negocio Ultramarinos Cepeda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 fedellas

Perdoademe pola incorrección, pero no Alcampo da Area Central a rotulación está en galego, en Cepeda está en castelán...a praza de abastos ven pasando o mesmo...seguirei preferindo o Alcampo.

2 eusi

HIstorias do Dubrés: Lola, unha das señoras que atendía, facía os bocadillos aos turistas que sinalaban no cartel o que querían. Ela preguntaballes no seu galego do Val do Dubra: "De que o quere? De chourizo?" A turista, con cara de turista, asentía ou non... "Pois hala!, de chourizo logo" As cidades cambian, e nós permitímolo votando edificadores de predios con pisos vacíos, que arruínan as caixas dos concellos, e o Bnjajaja encantado facendo pactos de goberno con eles.

1 galegoexiliado

En Santiago dos Taberneiros xa non hai espazo pra os compostelans, e moito menos po comercio tradicional. O deus Turismo convirteu a Zona Vella nun Parque Temático donde os turistas se xuntan con turistas, van a bares de turistas e so se relacionan con turistas, sin saber en que cidade están, pois todalas cidades turísticas acaban sendo o mesmo. Fora do inverno é raro ver compostelans pola rua, prefiren moverse polos barrios, alleos a invasión do turismo mochileiro. As tendas transformanse en bares, todos iguais, a Praza de Abastos, invadida de turistas que dificultan facer a compra nela, transformase nun local de bares, si vas tomar un viño ó Franco tes que andar esquivando as bicicletas o mesmo que si tentas pasear polas ruas ateigadas de mochileiros e biciflautas que non respetan ninguna norma de tráfico. Asi vemos como esmorecen os cascos vellos a pesares de catro superviventes, que tarde ou pronto acabarán xubilandose.

1 Pertom

No supermercado que hai no Toural nom é difícil escoitar na cola umha multitude de línguas diversas: inglês, francês, português, alemám, italiano, línguas asiáticas, etc. Isso é bom, acabaremos aprendendo idiomas...para poder trabalhar explotad@s na caixa dum supermercado! Longa vida ao neoliberalismo!