O xuízo contra o exdelegado da Xunta en Ourense continuará na Audiencia Provincial

A segunda sesión do xuízo celebrada na mañá deste mércores na sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense centrouse na declaración dos procesados por certificar ou cobrar as obras de varios talleres artesáns e unha planta de biomasa que non chegou a existir.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2019 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A Audiencia Provincial de Ourense deu a coñecer este mércores a súa decisión de seguir adiante co xuízo contra o exdelegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, acusado de delitos de malversación de caudais públicos, falsidade documental e fraude de subvencións da Unión Europea.

O tribunal decidiu que a causa continúa tamén para o responsable financeiro e administrativo do Centro de Iniciativas para o desenvolvemento do Val do Miño (Ceivam), Pablo Fernández; o xerente de Ceivam, Juan Emilio Aparicio e o representante de Actuar SL, Gumersindo Álvarez Rodríguez. Así mesmo, estima prescritos os delitos para o sete acusados restantes.

A segunda sesión do xuízo celebrada na mañá deste mércores na sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense centrouse na declaración dos procesados por certificar ou cobrar as obras de varios talleres artesáns e unha planta de biomasa que non chegou a existir, segundo consta na denuncia presentada no ano 2006 polo BNG de Arnoia.

"OS INFORMES INDICABAN QUE AS OBRAS ESTABAN FEITAS"

Rogelio Martínez, que decidiu responder unicamente as preguntas do xuíz, o Ministerio Fiscal e o seu avogado, asegurou que "os informes e as certificacións indicaban que as obras estaban feitas, de non ser así, non daría a miña visto e prace para pagar".

Neste contexto, tamén insistiu en que el non exercía ningún labor de fiscalización dos proxectos senón que a súa misión era "buscar iniciativas que reunisen as condicións para entrar dentro do Plan Leader".

"O meu visto e prace non quere dicir que a memoria proxectada coincidise co realizado senón que só daba validez á hora de demostrar que as persoas que anteriormente asinaran as certificacións tiñan o cargo que alí se expresaba", explicou Rogelio Martínez.

Deste xeito, durante a súa intervención manifestou que o obxectivo da creación de Ceivam --a data de 12 de novembro de 1993-- era "conseguir axudas do Plan Leader que contaban con fondos importantes para o desenvolvemento do rural".

Precisamente un destes proxectos foi a construción dunha planta para o tratamento de biomasa. Bautizouna cun "nome un pouco pomposo", segundo explicou este mércores o exdelegado da Xunta, para "conseguir unha subvención". No entanto, Martínez sostivo que lle consta que "Proxectos e Contratas Covelo realizou as obras" e que "se cumpriu o obxectivo de aproveitar a masa forestal para abonos".

"A PLANTA DE BIOMASA TIVO ACTIVIDADE"

Pola súa banda, o responsable financeiro e administrativo de Ceivam, Pablo Fernández, explicou que "a súa función era comprobar a legalidade e corrección da factura que dicía que a obra se executou, non confirmar se verdadeiramente o proxecto se levara a cabo".

Segundo explicaron nos seus testemuños os procesados, a persoa encargada da comprobación da realización das obras era, ademais do xefe de obra, o xerente de Ceivam encarnado na figura de Emilio Aparicio Estévez.

Preguntado polo modo de realizar as valoracións e apreciacións, Aparicio respondeu que "as indicacións llas daba o técnico e eran estimacións da porcentaxe da obra realizado ata o momento". Baseouse na súa formación como mestre para argumentar que el non reunía as competencias para facelo por si só.

Ademais, o xerente de Ceivam, en respostas ao seu avogado, tamén precisou que "ao longo do proxecto producíronse modificacións pero sempre respectando a finalidade final da obra". "Cónstame que houbo vendas e actividade comercial por parte da planta de biomasa", recalcou.

"APROVEITOUSE UN GALPÓN PARA REALIZAR A OBRA"

En último lugar declarou Gumersindo Álvarez Rodríguez, ex concelleiro do goberno de Arnoia presidido por Rogelio Martínez e administrador de Actuar S.L., a empresa que solicitou a axuda a Ceivam. "Demandamos a creación da planta de biomasa porque a hípica --tamén obtida mediante o Plan Leader-- demandábanos moito abono. Por tanto, pensamos que sería unha boa idea un lugar onde ter materia orgánica tanto para os cabalos como para que a xente puidese comprar", explicou.

"A planta tiña actividade e cumpriuse cos requisitos", abundou Gumersindo Álvarez Rodríguez. Con todo, durante as respostas ás preguntas do seu letrado, o acusado explicou que "na parcela cedida polo Concello xa existía un galpón en estado de total abandono" e que, ante indicacións do técnico, decidiron "aproveitalo e realizar obras de reforma" pero "sen aforrar nada".

Esta versión concorda coa exposta polo representante legal de Covelo SL, Gumersindo Álvarez Martínez, que a pesar de prescribir os delitos polos que se lle acusaba decidiu declarar. "Pedíronme reformar a obra existente que estaba nun estado ruinoso. No entanto, se tirásemos todo aforrariamos diñeiro", apuntou.

OURENSE.. FRAUDE ROGELIO MARTÍNEZ
OURENSE.. FRAUDE ROGELIO MARTÍNEZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta