Teimosa pasividade na Xunta

O número de persoas desempregadas inscritas nas oficinas do INEM atinxiu na Galiza as 271.000 no pasado mes de xaneiro, ou sexa: o 20,7% do total da poboación activa. Unha porcentaxe que aínda sería maior se non fora porque morre máis xente da que nace (unha verdadeira traxedia demográfica), e pola enxurrada de milleiros de mozos e mozas que emigran. Cando o actual presidente da Xunta de Galiza comezou a gobernar, o paro chegaba ás 210 mil persoas, unha cifra moi alta porén 60 mil persoas inferior á actual. Daquela Feijóo considerouna unha lacra e prometeu mudar axiña a situación porque tiña as receitas apropiadas. Non pode dicir que ignoraba os condicionantes da crise, o seu carácter sistémico, porque facía máis dun ano que lastraba a economía e esmagaba ás clases populares. Aquela promesa temos que considerala a esta altura pura propaganda electoral xa que as medidas que tomou foron continuístas, e mesmo aplicou con dureza a tesoira no emprego e nos dereitos laborais dos empregados públicos; ademais favoreceu sen ningún rubor a privatización de servizos esenciais (aos que no futuro hai que sumar os beneficios empresariais nos custes).

Por Manuel Mera | Vigo | 09/02/2012

Comparte esta noticia
Consecuencias de que non se tomaron medidas axeitadas, son que: até novembro de 2011 a produción industrial caeu un 7%; o sector naval está no ar, podéndose perder milleiros de empregos; o eólico cun futuro incerto; hai un recuar importante na industria automotriz e do aluminio; o sector lácteo segue con prezos que non dan para a subsistencia das familias; e pódese perder o control sobre a metade do aforro galego. Nunca en tan pouco tempo houbo unha situación tan mala, unha actitude tan pasiva e falta de propostas propias. Todo se supedita na  práctica a favorecer aos máis ricos e facer o que diga Madrid, antes co PSOE, para alén da leria contestataria, e agora co goberno amigo do PP. A Xunta semella ser unha xestoría, onde a capacidade política fica abafada pola falta de proxecto propio e a dependencia exterior. Sei que en materias básicas carece de competencias esenciais, porén pode reclamalas e poñerse á fronte da protesta social, máis non o fai. E mentres tanto, pasa o tempo e afóndase o burato negro na economía, medra o desemprego, aumentan os baixos salarios, retállanse as prestacións públicas esenciais, segue trabado o crédito, pechan comercios e deterióranse as pequenas empresas. 
 
Agora ben, non todo é falta de iniciativa, neste contexto dramático para milleiros de familias das clases populares, xa que o PP segue dando pasos na súa batalla ideolóxica, abrindo os servizos públicos ao negocio privado e restando valor a todo aquilo que nos identifica como nación (lingua, cultura, historia, etc.) co argumento do aforro e do equilibrio fiscal. Nestes temas non hai procura do consenso e tampouco se escoita a voz da rúa, nen existe pasividade. Daquela, que todo leva a pensar que a sensibilidade discursiva que o Presidente da Xunta amosa diante da desfeita, sen facer despois ren para solucionala, na práctica non sexa máis que un ritual que forma parte dunha estratexia (en lugar de convicción) na procura de frear e vencer a oposición social. Canto tempo lle funcionará este xeito de canear os problemas do país? Supoño que non moito, xa  que non son poucas as enquisas que amosan o desgaste da dereita na Xunta de Galiza e mesmo no Goberno central (malia o pouco tempo que leva). Outra cousa é que as clases populares xa teñan como referente maioritario outras alternativas claras,... aínda que habelas hai-nas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Mera Ex secretario xeral da INTG e director Fundación Moncho Reboiras para o Estudo e a Divulgación da Realidade Social e Sindical de Galiza.