Artigos de Manuel Mera

Teimosa pasividade na Xunta

O número de persoas desempregadas inscritas nas oficinas do INEM atinxiu na Galiza as 271.000 no pasado mes de xaneiro, ou sexa: o 20,7% do total da poboación activa. Unha porcentaxe que aínda sería maior se non fora porque morre máis xente da que nace (unha verdadeira traxedia demográfica), e pola enxurrada de milleiros de mozos e mozas que emigran. Cando o actual presidente da Xunta de Galiza comezou a gobernar, o paro chegaba ás 210 mil persoas, unha cifra moi alta porén 60 mil persoas inferior á actual. Daquela Feijóo considerouna unha lacra e prometeu mudar axiña a situación porque tiña as receitas apropiadas. Non pode dicir que ignoraba os condicionantes da crise, o seu carácter sistémico, porque facía máis dun ano que lastraba a economía e esmagaba ás clases populares. Aquela promesa temos que considerala a esta altura pura propaganda electoral xa que as medidas que tomou foron continuístas, e mesmo aplicou con dureza a tesoira no emprego e nos dereitos laborais dos empregados públicos; ademais favoreceu sen ningún rubor a privatización de servizos esenciais (aos que no futuro hai que sumar os beneficios empresariais nos custes).