BNG e PSOE atopan "base suficiente para chegar a un acordo" de goberno en Pontevedra

O pacto pecharase coa repartición de áreas de responsabilidade no Concello.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

As comisións negociadoras do BNG e do PSOE mantiveron este martes a primeira reunión oficial para abordar a posibilidade de iniciar un "proxecto común de goberno" para o próximos catro anos no Concello de Pontevedra, tras o que o Bloque apuntou que "hai base suficiente" para alcanzar un acordo.

Miguel Anxo Fernández Lores.
Miguel Anxo Fernández Lores. | Fonte: Europa Press.

"Houbo contactos variados e chegamos á conclusión de que hai base suficiente para chegar a un acordo", explicou tras o encontro o candidato á Alcaldía polo BNG e actual rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores.

Ademais de Lores nesta reunión, celebrada na sala de xuntas do Concello de Pontevedra, participaron por parte do BNG Anabel Gulías, Raimundo González e Carme da Silva. E por parte do PSOE estiveron o candidato Tino Fernández, Paloma Castro e Gloria Blanco.

Nunha comparecencia posterior ante os medios de comunicación, nun ambiente desenfadado, con bromas e xestos de complicidade, as dúas agrupacións indicaron que iniciaron "as conversas", que se atopan no punto de "definir aspectos programáticos de goberno", matizaron.

CONTACTOS PERMANENTES

"A partir de agora os contactos formais serán permanentes, e esperemos chegar a un acordo satisfactorio para que Pontevedra siga avanzando", indicou Fernández Lores, que non quixo pór data ao final das negociacións.

Mentres, o líder socialista lembrou que BNG e PSOE "xa" gobernaron "xuntos" e, de cara a unha próxima coalición de goberno, só queda "ir debullando as cousas", abundou. Ata agora, segundo explicou, falouse de "proxectos e programas". "Falaremos doutras cousas", sinalou, en relación á repartición de áreas de responsabilidade.

Finalmente os dous portavoces puntualizaron que esta negociación é un "tema entre os grupos municipais" de ambos os partidos e non influirá no seu desenvolvemento o futuro do goberno na Deputación de Pontevedra que, ata agora, compartían socialistas e nacionalistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta