En Común cualifica de "atentado ecolóxico" que a Xunta deposite lodos en Sálvora e o Goberno fala de "alarmismo"

O grupo presentou diversas iniciativas para impedilo, xa que confrarías, grupos ecoloxistas e "xentes de ben claman para que non se leve adiante", asegura Yolanda Díaz, portavoz do grupo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/06/2019 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

A portavoz de Galicia En Común, Yolanda Díaz, alertou da posibilidade de que se produza un "atentado ecolóxico de primeira magnitude" no caso de que a Xunta deposite lodos do dragado da ría de Pontevedra nas proximidades da illa de Sálvora. En declaracións aos xornalistas no Congreso, este martes, criticou que "a Xunta tomou a decisión de proceder a unha vertedura que se convertería nun atentado" nas costas galegas.

Por iso presentou diversas iniciativas para impedilo, tendo en conta que o Goberno central forma parte do padroado do parque nacional das Illas Atlánticas, ao que pertence Sálvora. E é que Díaz destacou que confrarías, grupos ecoloxistas "e xentes de ben claman para que non leve adiante" este depósito de lodos.

Por outra banda, referiu a outras propostas fronte aos "procesos de deslocalización" que afectan a Poligal en Narón, pois "arrasan Galicia e ao conxunto do Estado".

Val do Lérez.
Val do Lérez.

RESPOSTA DA XUNTA

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, garantiu que "non se fará nada que prexudique a ninguén" na xestión dos lodos resultantes do dragado do río Lérez. "Eu apelo a que, por deus, se deixe de crear tanta alarma no sector pesqueiro", afirmou.

Así o apuntou tras reunirse este martes en Santiago con, entre outros, o patrón maior de Ribeira e presidente das confrarías galegas, José Antonio Pérez Sieira; o patrón maior de Aguiño, José Santamaría; e o alcalde en funcións de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas.

"Non sei de onde sae a intranquilidade se non é por irresponsabilidade de determinados grupos", reflexionou a conselleira, despois de que o sector mostrase o seu rexeitamento a que poida haber vertdeuras de lodos resultantes do dragado na contorna da illa de Sálvora.

Deste xeito, Quintana denuncia que "se están dicindo unha serie de mentiras, como que se están facendo vertidos en Sálvora, que están autorizados por Portos de Galicia, que son lodos contaminantes...". "Parece ser que o único que queren é trasladar preocupación ao sector", lamenta.

Nesta liña, deixa claro que é falso que haxa vertidos de lodos procedentes do Lérez en Sálvora nin que Portos autorizase o seu envío, xa que non ten competencias para facelo. Por iso, insiste en chamar á "tranquilidade" ao sector.

A conselleira explica que a tramitación do dragado está nunha fase inicial, pois "se están terminando todos os estudos no que ten que ver con impacto ambiental".

Tras iso, "haberá un período de exposición pública" para presentar alegacións e despois tramitaranse todos os informes correspondentes ante a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio de Transición Ecolóxica. A única decisión tomada é a de non levar os áridos a Tambo e estúdanse as posibles alternativas.

Tamén asegura que "os áridos da ría do Lérez non teñen contaminación ningunha" e que son inocuos. "Isto estará proximamente a disposición do público en xeral para que o poida ver e contrastar", apostila.

"Non podemos pretender dicir que hai que facer os dragados máis rápido, como me acusa algún grupo da oposición, e logo cando se ve que os dragados é necesario facer unha tramitación ambiental moi completa tamén criticalo", di.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta