Abre o prazo para que as empresas pidan axudas para contratar a persoal para I+D+i

A convocatoria da Xunta, denominada 'Talento Sénior', está aberta ata o 11 de agosto e conta cun orzamento ampliable de 960.000 euros, co que se prevé apoiar a contratación de 14 profesionais, con máis de cinco anos de experiencia.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 12/06/2019 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

As empresas e organismos de investigación públicos ou privados de Galicia poderán recibir axudas para contratar a profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i.

A convocatoria da Xunta, denominada 'Talento Sénior', está aberta ata o 11 de agosto e conta cun orzamento ampliable de 960.000 euros, co que se prevé apoiar a contratación de 14 profesionais, con máis de cinco anos de experiencia.

A axuda pode variar entre o 40 e o 60% en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a 3 anos. Apoiaranse ata 2 contratos por entidade, en función da dispoñibilidade orzamentaria, cunha retribución anual bruta mínima de 40.000 euros.

Os requisitos que debe cumprir o persoal que se contrate son estar en posesión dunha titulación universitaria media ou superior, contar con experiencia laboral superior a 5 anos e non ser contratado nos 2 anos anteriores pola entidade solicitante, no mesmo grupo de cotización.

Entre os criterios de valoración da convocatoria, en réxime de concorrencia competititva, inclúese o perfil da persoa que se vai contratar, a súa experiencia en I+D+i e a súa traxectoria internacional, a condición do retorno e atracción e a calidade do proxecto de I+D+i proposto.

Primarase tamén a igualdade de xénero, tendo en conta que a persoa a contratar sexa unha muller e que a entidade beneficiaria presente un plan de igualdade, cunha contratación indefinida.

O obxectivo da liña de axudas é estimular a demanda de profesionais de alta cualificación nas empresas e centros de coñecemento, así como atraer e reter talento.

A edición de 2018 do programa permitiu a contratación de 10 profesionais de alta cualificación --sete en empresas e tres en centros tecnolóxicos-- que desempeñan actividades de I+D+i en sectores como o TIC, a automoción, o aeronáutico, a Industria 4.0, o lácteo, a pesca ou os servizos de enxeñaría.

Unha das salas do Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae
Unha das salas do Centro de Innovación Aeroespacial, Cinae | Fonte: DUVI.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta