Almuiña defende que Galicia é "a única" que "está a facer un traballo profundo" en relación a Primaria

Ante a folga, mantén que a "solución" para este nivel asistencial está no proceso de reforma posto en marcha por Sanidade.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 14/06/2019 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, defendeu este venres a actuación do seu departamento en relación á reforma de Atención Primaria e reivindicou que Galicia é "a única" que "está a facer "un traballo profundo" neste ámbito.

Así o dixo en relación á convocatoria de folga dos profesionais de Atención Primaria para o próximo día 19 e ante a posibilidade de chegar a un achegamento que evite o paro, algo que vinculou ás medidas xa postas en marcha por Sanidade para a reforma deste nivel asistencial.

"Hai convocatoria de folgas en moitas comunidades autónomas, pero a única que realmente está a facer con traballo profundo, cun plan con orzamento, é Galicia", dixo o conselleiro, que garantiu que o seu departamento seguirá "dialogando" e "buscando a colaboración de todos os estamentos" nesta vía.

Sanidade, apuntou, segue "traballando" para "remodelar" o modelo de Primaria, e considera que é "dentro do diálogo" establecido cos profesionais no marco do novo plan deste nivel asistencial onde estará "a solución".

CREACIÓN DE 15 COMISIÓNS

Vázquez Almuiña lembrou tamén que se cumpren seis meses "traballando con este novo Plan de Atención Primaria", dentro do que Sanidade está "a cumprir absolutamente todos os compromisos" adquiridos.

Nesta vía, mencionou a reunión mantida na tarde deste xoves para a constitución do Consello Técnico de Atención Primaria, que estableceu "a creación dunhas 15 comisións para desenvolver aspectos importantes da Atención Primaria".

"A reunión de onte confirma que esta comunidade autónoma é a que está a facer un traballo máis intenso, coordinando a todos os implicados, e que imos seguir traballando", apuntou Almuiña, que lembrou que tamén se creou xa o grupo de expertos na materia que definirá as "liñas mestras de futuro".

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Europa Press - Archivo
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Europa Press - Archivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta