Cargos socialistas entregan firmas a prol do alcalde de Monforte para a Presidencia da Deputación de Lugo

Tomé cre que a perda de apoio está detrás da dimisión de Santos e desliga a súa candidatura da dirección do PSdeG

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 18/06/2019 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

Distintos cargos do PSOE nos diferentes partidos xudiciais de Lugo presentaron este martes na sede provincial da formación firmas a favor de que o alcalde de Monforte, José Tomé, sexa o candidato a presidir a Deputación lucense.

José Tomé
José Tomé | Fonte: PSdeG.

En concreto, ademais do propio rexedor Monfortino, acudiron o alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández; o de Xermade, Roberto García Pernas; o Pedrafita, José Luís Raposo; o de Castroverde, José María Arias; os deputados provinciais en funcións Pablo Rivera e Pilar García Porto, así como a ex-alcaldesa do Incio, Laura Celeiro.

Na documentación entregada, estes socialistas destacan o resultado de varias das consultas realizadas nos distintos partidos xudiciais para elixir os deputados provinciais. Así, entre outras, indican que a proposta de Tomé foi apoiada por 17 dos 22 concelleiros preguntados na Fonsagrada; 18 de 25 en Chantada; 22 de 33 edís en Monforte; e 64 de 86 en Lugo. Unhas cifras que reflectirían a perda de apoio interno do xa exsecretario provincial Álvaro Santos.

Álvaro Santos apoia para a presidencia da Deputación de Lugo a candidatura do actual titular do ente, Darío Campos. Con todo, para este cargo tamén se postulou o rexedor de Monforte, José Tomé, quen á súa vez era o vicesecretario xeral da executiva provincial que encabezaba Santos.

"FALAR CON FEITOS"

Na súa intervención ante os medios, o rexedor de Monforte destacou que, con este acto, comunican "formalmente" aos órganos do partido o resultado das consultas realizadas nas distintas comarcas e mostran a súa disposición a ser os deputados provinciais en Lugo.

Todo iso, segundo indicou, ante "a nova situación creada pola dimisión do secretario xeral en Lugo" e tendo en conta que a executiva provincial "xa non fará informe de proposta de candidatos" a deputados provinciais á comisión federal de listas".

"Achegamos os avais dos edís que nos mostran o seu apoio coas súas firmas", indicou Tomé, que asegurou que non falan de "suposicións" senón "con feitos" como son "as firmas dos compañeiros que representan ao Partido Socialista nas corporacións da provincia.

"Os datos falan por si sós", puxo en valor o rexedor monfortino, que sinala que "superan o 70% dos edís". "Queda claro que hai unha maioría esmagadora de concelleiras que están de acordo en abrir unha nova etapa na Deputación polo ben da provincia", subliña.

DESLIGA A SÚA CANDIDATURA DA DIRECCIÓN DO PSDEG

Na súa intervención, ademais, o alcalde de Monforte destacou que "esta é unha iniciativa que nace de abaixo a arriba". "Non é unha iniciativa da dirección do partido como se pretende facer ver", indicou

Ademais, o rexedor considera que este apoio á súa candidatura posiblemente "sexa o auténtico motivo" da dimisión de Álvaro Santos como secretario provincial. "Porque cando alguén perde o apoio da maioría do partido na provincia dunha forma atan abafadora hai que asumilo", subliñou.

A falta de coñecer cales son os deputados provinciais propostos pola área de Mondoñedo, Tomé indica que cinco dos seis partidos xudiciais apoian maioritariamente as oito persoas que este martes presentaron as firmas para ser deputados provinciais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta