Poligal bótase á rúa para esixir unha saída viable para a planta de Narón

Piden ao Igape que poña nomes aos investidores interesados na fábrica

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 21/06/2019 | Actualizada ás 20:37

Comparte esta noticia

Varios centos de persoas saíron na tarde deste venres ás rúas de Ferrol para apoiar a manifestación dos traballadores de Poligal. O persoal esixe unha saída viable á planta situada no polígono da Gándara, en Narón, e pide pór nomes aos investidores interesados en facerse coa fábrica.

Protesta de traballadores de Poligal
Protesta de traballadores de Poligal | Fonte: @Yolanda_Diaz_ en Twitter

Unha manifestación que saíu desde a Avenida de Esteiro, baixo a pancarta de 'Poligal non se pecha', para acabar no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol.

O presidente do comité de empresa, Rafael Souto, afirmou que non hai novidades sobre a delicada situación de Poligal e lembra que no mes de maio o Igape anunciou que había dous investidores interesados na planta naronesa, pero "aínda non visitaron as instalacións". E iso a pesar de que o organismo autonómico sinalara que a principios deste mes de xuño acudirían a Poligal para coñecer a planta.

Souto falou na mañá deste venres co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que lle trasladou que mantivo unha conversa co Igape, pero está pendente de establecer novamente contactos co Ministerio de Industria a próxima semana.

A deputada ferrolá de Galicia En Común, Yolanda Díaz, secundou a protesta e pediu ao Ministerio de Industria que mova ficha e se implique nesta problemática. "Con Poligal non fixo nada" e "é evidente que Industria está a deixar caer os sectores produtivos do noso país", afirmou Díaz.

A deputada engadiu que é "o único país da contorna que non establece ningunha media lexislativa para loitar contra as deslocalizacións" e estimou que "se cae Poligal será porque a Xunta e o Ministerio de Industria non queren enfrontarse a unha gran multinacional, que polo que se ve, tanto en Portugal como en Polonia si ten futuro".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta