A oposición acusa ao PP de aprobar unha nova lei "depredadora" do medio ambiente

Iniciada a tramitación da lei de patrimonio natural ao rexeitar o PP a emenda de devolución de En Marea.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 13:52

Comparte esta noticia

A nova lei de patrimonio natural de Galicia superou este martes a emenda de devolución presentada polo Grupo de En Marea no Parlamento autonómico, de modo que iniciará a súa tramitación na Cámara ata a súa aprobación final. En concreto, a emenda foi rexeitada ao contar co voto en contra da maioría absoluta do PP, a pesar do apoio do BNG e a abstención do PSdeG.

A encargada de defender o proxecto lexislativo foi a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen explicou que dá prevalencia á conservación da contorna "sobre a ordenación territorial", "mellora" a restauración do patrimonio natural, "fomenta a información pública e os mecanismos de colaboración" coa sociedade.

E é que, para a mandataria, existe unha "necesidade" de que Galicia conte con outra norma nesta materia para "modernizar" a anterior lexislación, que data do 2001, tomando "como base a experiencia acumulada" nestes 18 anos.

Así mesmo, a conselleira garantiu que é un "proxecto de consenso", a pesar das críticas da oposición, que buscará "o máximo" acordo na Cámara. Segundo asegurou na súa comparecencia, a Xunta recibiu case 1.000 alegacións durante o proceso de exposición públicas, das cales estimaron 637 "de forma total ou parcial", o que "permitiu enriquecer o texto".

UN MODELO "DEPREDADOR"

Por parte do Grupo de En Marea, autor da emenda de devolución, o deputado Antón Sánchez esgrimiu que o PP busca "tapar a falsa política ambiental" de Feijóo. "A conservación ambiental é incompatible co seu modelo económico depredador", engadiu.

E é que, para o deputado do partido instrumental, o proxecto "consolida" a instalación de parques eólicos "en lugares onde non se debería", incluídas zonas "que podían formar parte da Rede Natura".

A estas críticas sumouse o parlamentario do BNG Luís Bará, quen censurou que a conselleira asegure que a lei conta cun gran consenso mentres a oito entidades conservacionistas do patrimonio natural "preocúpalles" o proxecto "por ser pouco ambicioso".

A encargada de defender a posición do Grupo Socialista, que se abstivo ante a emenda de En Marea, foi a deputada Patricia Vilán, que enmarcou o proxecto de lei de patrimonio natural na "pura propaganda preelectoral" da Xunta.

A parlamentaria do PSdeG fixo fincapé en que o texto debatido no pleno "copia literalmente a maioría de artigos" dunha lei aprobada durante o mandato de Touriño. No entanto, considerou que a reforma, a pesar de ser "pouco ambiciosa", é "necesaria". Por iso, e como o PSdeG "escoita ás asociacións ecoloxistas", Vilán expresou que "queren facer unha lei mellor".

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, comparece no Parlamento de Galicia para defender a nova lei de patrimonio natural.. XUNTA
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, comparece no Parlamento de Galicia para defender a nova lei de patrimonio natural.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta