O 250 aniversario do nacemento de Beethoven centrará a nova tempada da Real Filharmonía de Galicia

Haberá 22 concertos de abono e 3 actuacións gratuítas na 2019-2020, coa estrea dunha ópera en galego, 'A Amnesia de Clío'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A nova tempada 2019-2020 da Real Filharmonía de Galicia (RFG) contará con 22 concertos de abono, ademais de tres actuacións gratuítas en diferentes barrios de Santiago de Compostela, co 'Ano Beethoven' como gran protagonista polo 250 aniversario do músico alemán.

Así, a orquestra ofrecerá programas especiais ao redor das súas obras ao longo da tempada como cinco das súas sinfonías, música do ballet 'As criaturas de Prometeo', ademais de pezas doutros compositores inspiradas nel.

Este martes presentouse en rolda de prensa o programa, que comezará no mes de setembro, nun ano no que tamén se celebrará o 30 aniversario do Auditorio de Galicia, sede central da RFG.

Ao acto asistiron o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; o director titular e artístico da orquestra, Paul Daniel; a directora técnica da RFG, Sabela García Fonte; e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López.

"A arte esíxenos que nunca nos deteñamos", con esta frase de Beethoven referiuse o director Paul Daniel ao lema 'En Movemento' que segue a Real Filharmonía de Galicia. Así, aposta polo espírito de renovación e a procura artística a través da reflexión, convencido de que o sentimento move o mundo.

ÓPERA GALEGA

Entre as novidades desta tempada tamén destaca a estrea dunha nova ópera con firma galega, 'A Amnesia de Clío', de Fernando Buide, que se estreará en novembro.

Así mesmo, a Real Filharmonía realizará unha xira por Austria con catro concertos dirixidos por Pablo González. Pola súa banda, levarán a cabo os tradicionais recitais con motivo de Cineuropa e na noite de Reis.

Ao longo da tempada a RFG manterá o seu compromiso coa creación contemporánea e o apoio a novos compositores. Os prezos roldarán entre os 15 e os 20 euros e os abonos de renovación estarán dispoñibles a partir do 1 de setembro.

Rolda de prensa da Real Filharmohnía de Galicia para a presentación da súa tempada 2019-2020. CONSORCIO DE SANTIAGO
Rolda de prensa da Real Filharmohnía de Galicia para a presentación da súa tempada 2019-2020. CONSORCIO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta