Anisia Miranda, a muller revolucionaria e xornalista de guerra que forxou o mito de Neira Vilas

Anisia Miranda era unha muller que picaba en vea, de incansable loita, inspiradora de futuros, camarada. A compañeira de vida de Xosé Neira Vilas, galega e cubana a partes iguais, deu un ton caribeño ao noso idioma. O seu papel foi destacado como xornalista, divulgadora cultural, escritora... Pasou guerras, apoiou a Revolución Cubana e estivo ao carón das demandas do pobo galego. As súas cartas sempre remataban con "bicos de mel" e debuxos de barcos para navegar.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 28/06/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Alá polos primeiros anos do 2000, cando aínda non caera de todo no esquecemento aquel costume de escribir cartas para se comunicar, había unha nena que non se decataba do privilexiada que estaba sendo: de cando en vez carteábase cunha muller que lle mandaba "bicos de mel", que lle debuxaba barcos para navegar e que lle metía bonecas, xoguetes e fotografías de flores dentro duns paquetes ben xeitosos. A aquela nena encantáballe recibir esas cartas, mais faltáballe a consciencia de saber o peso histórico e cultural daquela muller, Anisia Miranda. Deixemos que sexan os seus amigos e as amigas quen a definan...

Anisia Miranda e Neira Vilas
Anisia Miranda e Neira Vilas | Fonte: Kalandraka

“Muller íntegra e consecuente co seu pensamento político. De carácter forte e moi doce ao mesmo tempo. Non tiña nin chisca de paciencia cos 'imbéciles e escuros'” (Esperanza Lema, pintora e escultora).

“Muller de incansable loita polos máis desfavorecidos e pola causa da igualdade social e os dereitos humanos, impulsora de iniciativas de divulgación cultural, pertinaz co seu exemplo e con ánimo de vitoria" (Mero Iglesias, mestre, escritor e músico).

“Muller forte, de carácter, loitadora polas causas en que acreditaba, unha delas a educación dos nenos e nenas no amor á cultura, ligada, en gran medida, á lectura. Non sei se era máis galega que cubana ou viceversa. En todo caso, ambas terras eran amores compatíbeis que se reforzaban mutuamente” (Marica Campo, escritora e mestra).

“Muller militante. Coherente. Inspiradora de futuros. Compañeira de afectos e sentimentos. Camarada” (David Otero, mestre e escritor).

Anisia Miranda gradúase en Maxisterio no 1951, na Habana.
Anisia Miranda gradúase en Maxisterio no 1951, na Habana.

Así era Anisia aos ollos de Esperanza Lema, Mero Iglesias, Marica Campo e David Otero, catro persoas que coñeceron ben o sentir e o facer desta muller, cubana e galega, loitadora e compañeira de vida do escritor Xosé Neira Vilas. O seu labor como xornalista, escritora e divulgadora cultural e a súa teima por dignificar o idioma e por adquirir como propias as loitas do pobo forman parte fundamental da súa historia de vida. 

A SÚA NENEZ: GUERRA, FAME E CAMPO

Anisia Miranda naceu en Ciego de Ávila, unha cidade do centro de Cuba. “Alí nacín eu, en 1932, entre estalidos de bombas, proclamas escondidas no medio dos sacos de arroz e feixóns, e a folga xeral dirixida, desde o seu leito de morte, por Martínez Villena” - o libro Homenaxe a Anisia Miranda recolle as súas palabras -. A situación de Cuba era por aquel tempo ben convulsa e delicada. Gerardo Machado, político e militar cubano e quinto presidente da República de Cuba, era quen dirixía daquelas o país a través dunha represión sistemática das forzas opositoras. Unha folga xeral foi a que lle parou os pés. Anisia recorda que “tras a caída da sanguinaria tiranía de Gerardo Machado, o seu país quedou nunha espantosa miseria material e moral. Os pratos de comida pasábanse de patio a patio, xunto coas velas, para que todos tiveramos algo que botar ao estómago e a luz mínima para deitarnos nas noites sen luz eléctrica”. Este país marcou, entón, o nacemento da pequena Anisia. 

Os seus pais, Faustino Miranda e Teresa Fernández, chegaran había cinco anos ao país dende os concellos ourensáns de Verea e Celanova, respectivamente. Asentaran nunha pequena bodega da cidade, iso que aquí coñecemos por ultramarinos, mais a complexa situación obrigounos a marchar para o campo. No novo caserío a vida cambioulles substancialmente e a natureza converteuse nunha “mestra inapreciable” para a pequena. Anisia recorda que alí “non había bombas, non había exército nin policía, non pasabamos fame, porque a terra era o meu país”.  Con todo, a miseria seguíaos acompañando e Anisia botaba en falta, sobre todo, algo en concreto: a escola. 

No 2007, Anisia contáballe a aquela nena nunha carta algúns dos recordos que lle viñan á mente daquela época na que vivía na soidade do campo, entre as plantas e as árbores cubanas:

Anisia pillaba o sono coas cancións de fondo que seu pai lle cantaba. Nada tiñan que ver con nanas de cuna. O Himno de Riego, “que terminaba cuns “¡Libertad!, ¡Libertad!, ¡Libertad!”” que el entoaba a toda voz, coma se estivese nunha praza pública” era o seu durmir particular. E é que a Guerra Civil Española, aínda cun mar enteiro polo medio, estaba moi presente naquela casa cubana e galega a partes iguais. Mais non só eles, que un forte lazo os unía co país, loitaban dende alí pola causa republicana: “Os cubanos e ben cubanos, moitos dos cales pelexaran contra o dominio colonialista español trinta e tantos anos atrás, sacaban a frote os seus ás veces incribles sentimentos solidarios (…) e puxaban pola República como cousa propia”, dicía Anisia.

E entre canto e canto, a pequena atopouse de novo vivindo en Ciego de Ávila. Alí si había escola, ou algo semellante: a Casa da Cultura da cidade acollía todas as tardes a unha canta rapazada moi diversa ansiosa por aprender cousas novas. 

VIAXE A BUENOS AIRES: RAÍCES E AMOR

Anisia era moi boa estudante. Pronto comezou a carreira de Maxisterio e compaxinouna co estudo de inglés e piano. Ao remate iniciou Xornalismo, mais ao pouco os seus pais decidiron coller un barco e partir para Buenos Aires. Batista chegara ao poder cubano e a situación seguía difícil. Xa na nova cidade, a rapaza continuou cos estudos e comezou a coller contacto coas actividades galeguistas que outros moitos intelectuais exiliados estaban desenvolvendo no país. É neste ambiente onde coñece a Neira Vilas. É moito aquilo que os une e ao pouco tempo casaron. Xuntos fundan a editorial "Follas Novas", que se converteu nunha editorial ben recoñecida que distribuía libros en galego por América adiante. Neste momento, Anisia empeza a dar os seus primeiros pasos na escrita na nosa lingua.

 

DE NOVO, CUBA: A REVOLUCIÓN

 

“Anisia e Pepe deixaron Arxentina para se sumaren á revolución”, recorda Marica Campo. Anisia coñeceu e axudou a moitos dos exiliados que loitaran contra Batista, e isto producíalle certa nostalxia que a chamaba a voltar á Illa. Aínda máis ansias lle entraron cando o pobo conseguiu facer triunfar a Revolución Cubana con Fidel Castro á fronte, o movemento que puxo fin a sete anos de ditadura e converteu Cuba nun estado socialista. Tanto ela coma o seu home foron fieis seguidores de Fidel e tiveron un contacto moi estreito co comandante e co Che. Conta Mero Iglesias que "Anisia estivo e compartiu ministerio co Che nos primeiros tempos da revolución, cando entraron en Cuba, e de quen falaba tan ben que dicía que era un home enteiro e cabal, competente e con moita formación”. Neira Vilas tamén ten traballado á beira do Che en moitas ocasións. Esperanza Lema recorda que “mentres Anisia era correspondente de guerra no Vietnam nos primeiros tempos do castrismo, Pepe traballou moi cerca do Che, recollendo cana de azucre". A relación era tan estreita que mesmo a filla do Che dicía que Anisia e Neira eran para ela os seus avós.  

 

“O exemplo da súa vida, a dignidade de saber cales son os fundamentos dunha sociedade máis xusta e menos capitalista, e o alento sen descanso de espallar a cultura para abrir os ollos diante da farsa e da mentira” eran principios, di Mero, que Anisia tiña sempre presente. Marica Campo destaca tamén “a súa colaboración, no ámbito cultural, con publicacións periódicas, por exemplo, cando todo en Cuba era futuro e desexos de cambio”. Foi aquí cando Anisia desenvolveu a súa faceta máis xornalística. Chegou a traballar como redactora da revista Pueblo y cultura, dirixida polo seu compañeiro Alejo Carpentier, un dos escritores fundamentais da literatura latinoamericana do século XX. 

 

Formouse en maquetaxe e converteuse en coordinadora nacional de todas as edicións de libros para a mocidade. Traballou a prol da reconstrución dos pobos vietnamitas sumidos na guerra e de tantas experiencias vividas escribiu historias nas que deixa a súa pegada como correspondente de guerra. David Otero destaca a súa "responsabilidade solidaria e obediente" ao recordar a súa "axuda e entrega no Vietnam". Mesmo lle ten ensinado garfos, culleres e coitelos que fabricaran coa fuselaxe dos avións caídos na guerra. Á volta desta dura viaxe, o seu compromiso cultural e xornalístico non fraqueou. Impulsou unha publicación infantil - Zunzún -, na que verteu moitos traballos e coa que alcanzou a categoría de best-seller cunha monografía sobre a nenez do Che. Esperanza Lema recorda que se emocionaba falando dos nenos e deste semanario que publicaban na Habana.

 

E así foi como Anisia e Neira se xubilaron a finais da década dos 80, escribindo e soñando para os máis pequenos do país, ensinándolles uns ideais e uns valores da maneira máis doce e agradable. Mais non deixaron de facelo…

 

ATA A FIN, GALICIA: EN GALEGO E CON SABOR CARIBEÑO

 

Unhas cantas viaxes de ida e volta abondaron para que Anisia acabara de namorarse de Galicia. En 1992, a parella mudou definitivamente de lugar e asentouse en Gres, Vila de Cruces. O galego foise facendo oco na palabra de Anisia. Empregábao nos seus libros e tamén o falaba con cariño. Anisia era “o máis bonito acento cubano sobre a Nosa Lingua. Vela falar, en propiedade, en galego e con sabor caribeño era impresionante. Ademais facíao moi ben e con orgullo de ser e sentir en galego”, di Mero Iglesias. Os contos de Compay Grilo, A volta do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres; A cama, a bolboreta e o paxariño; Pardela amiga, Cantarolas… Foron moitos os libros que Anisia escribiu no idioma. “A nosa lingua débelle a Anisia canto escribiu nela, a practicou e a valorou”, conta Marica Campo. Non reparou en empregala cunha lealdade total. Para David Otero, “militou na nosa Lingua con coherencia e no cotián de xeito normalizador. Picaba en vea, contaxiaba e estimulaba”.

Aquí, en Gres, tamén crearon neste tempo a Fundación Xosé Neira Vilas, onde Anisia exerceu de vicepresidenta ata a súa morte. “Xunto con Pepe montou na casa do Romano unha biblioteca na que atendeu persoalmente a todos os nenos que ían pola tarde, e sempre lles falaba en galego”, lembra Esperanza Lema. Nesta biblioteca puxo Anisia moito empeño: catalogou libros, facía lecturas comentadas, organizou actos culturais… Tamén creou unha organización de préstamos a domicilio e fixo de Gres un lugar onde os libros entraban no maxín de toda a rapazada.

 

Anisia logo se adaptou á nova vida de aldea, – tiña bos recordos da súa infancia no campo de Cuba -, mais había sentires que non podía mudar. Esperanza e Marica recordan que se queixaba moito do frío e da humidade de Gres, afeita como estaba ao clima cálido e seco da Habana. O seu xeito de vivir en Cuba era humilde, e aquí non deixou de selo. “Vivían nunha casa anovada que era a da familia de Pepe, sen grandes comodidades”, recorda Mero, que tamén di que “por riba de vivir estritamente no necesario, tiñan un gran poder social e de convocatoria, de proxección cultural e de estima entre todos os que estaban pola loita contra a inxustiza, a loita cultural dun Pobo, ou de todos os Pobos, que estaban por liberarse da opresión de poderes estritamente económicos e de opinións parciais ou adoutrinadas na mansedume. Todo isto era considerado non só no Pobo Cubano, senón tamén nos outros pobos que confluían co galego no resto do mundo e no exilio”.

Anisia déixanos, mais nunca de todo, o 23 de outubro do 2009. E aquela rapaza cativa que recibía as cartas do seu puño e letra pensa que a mellor maneira de rematar estas palabras é deixando que a mesma Anisia o faga. Sempre se despedía mandando os seus mellores bicos de mel e debuxando uns barquiños nos que navegar a saber a onde… A aquela nena, que agora xa non é tan nena, gústalle crer que os mandaba para que xuntas, como pobo, navegaramos cara a un mundo máis xusto e máis digno, así como era ela. Estamos a tempo de collelos.

Despedida dunhas cartas de Anisia Miranda
Despedida dunhas cartas de Anisia Miranda
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta