A Xunta destina 78.000 euros á USC para a loita contra os patóxenos do marisco e a mellora da produción

A titular de Mar, Rosa Quintana, lembrou a importancia deste convenio e asegurou que é posible "aumentar o emprego neste sector" con melloras na produción.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/07/2019 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

A Xunta destinará 78.000 euros á Universidade de Santiago de Compostela (USC) para "mellorar a produción marisqueira" en Galicia e frear as altas mortalidades como consecuencia de patóxenos. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, asinaron este luns dous convenios de colaboración para estas accións.

Unha das liñas de investigación deste convenio está centrada en "optimizar" a produción de semente en criadeiros, actualmente insuficiente para cubrir as necesidades do sector. Outra das actuacións pretende buscar unha solución para loitar contra os patóxenos do xénero 'vibrio', que causan mortalidades que reducen a produción marisqueira.

A titular de Mar, Rosa Quintana, lembrou a importancia desta actividade e asegurou que é posible "aumentar o emprego neste sector" con melloras na produción, convenios de colaboración como estes e accións para garantir a sustentabilidade dos bancos marisqueiros e a rendibilidade da actividade, segundo explicou a Xunta mediante un comunicado.

MELLORA DA PRODUCIÓN

A acción de investigación 'Criadeiro de bivalvos: análise integrado de cultivo e busca de indicadores prácticos' aspira a mellorar a produción de semente en criadeiros tras analizar a influencia das bacterias nos individuos reprodutores, seleccionar as poboacións de proxenitores máis aptas e achar indicadores prácticos para predicir o éxito ou fracaso dos cultivos.

Este traballo será realizado de forma conxunta pola USC e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, que contribuirá a "avanzar no coñecemento dos problemas que afectan os criadeiros de bivalvos".

CONTROL DE PATÓXENOS

Por outra banda, a acción de investigación 'Poboacións microbianas e control de patóxenos en criadeiros de bivalvos' busca acabar cos patóxenos do xénero 'vibrio', causantes de importantes mortalidades que comprometen a produción marisqueira.

Os traballos levarán a cabo tamén de forma conxunta polo persoal da CIMA e da USC e permitirán "profundar no coñecemento destes patóxenos e desenvolver protocolos que axuden a controlar a súa propagación". A conselleira do Mar asegurou que o sector ten marxe de crecemento e apostou por seguir traballando en todos os ámbitos para mellorar os resultados dos últimos anos.

En 2018 as lonxas galegas comercializaron máis de 9.500 toneladas de moluscos bivalvos, o cuarto mellor dato da serie histórica, e facturaron pola súa venda máis de 86 millóns de euros, o que supón unha "marca histórica".

Feijóo nunha lonxa na que se subasta peixe e marisco
Feijóo nunha lonxa na que se subasta peixe e marisco | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta