O cinema galego faise oco nas aldeas de Vedra para dinamizar o rural

O cine do país será unha vez máis o protagonista do novo ciclo de cine de verán de Vedra, que arranca este venres. Santoalla, A sombra da lei, Os fillos do sol e Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego son as películas escollidas nesta quinta edición.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/07/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este venres arranca o quinto ciclo de cine de verán de Vedra organizado pola Asociación Senunpeso. Co nome de “4x4” proxectaranse catro películas galegas en catro parroquias do concello de Vedra ao longo de tres fins de semana do mes de xullo. O ciclo comeza este venres 5 de xullo ás 22:30 horas no campo da festa de San Mamede de Ribadulla, coa proxección do filme “Santoalla”.

'A Sombra Dá Lei', Triunfa Nos XVII Premios Mestre Mateo Con 10 Dos 15 Gal. A SOMBRA DA LEI - Arquivo
'A Sombra Dá Lei', Triunfa Nos XVII Premios Mestre Mateo Con 10 Dos 15 Gal. A SOMBRA DA LEI - Arquivo

Esta actividade, que se celebra por quinto ano consecutivo, converteuse xa nunha cita fundamental do verán cultural de Vedra e da súa área. O obxectivo é levar a todas as parroquias o cine de verán, como unha maneira de que os veciños e veciñas descubran e desfruten dalgúns dos filmes galegos de máis éxito dos últimos anos. O ciclo conta, ademais, coa colaboración do Concello de Vedra, a Deputación da Coruña e a Asociación Papaventos. 

Moisés Álvarez, un dos membros de Senunpeso, conta que unha das liñas de traballo da asociación, amais da formativa - coa creación Laboratorio Audiovisual de Vedra -, é a de exhibir cine galego e "levalo á rúa e ás parroquias coa idea de que chegue a máis xente e a todo tipo de públicos". Así levan facendo estes cinco anos. Se ben en Vedra é facilmente accesible ir ao cine por estaren preto de Santiago, esta iniciativa intenta remediar as dificultades para ver cinema galego. "Nós queremos darlle á veciñanza esta posibilidade e especialmente no rural: que a xente saiba o que se fai en Galicia". 

As proxeccións desenvólvense nos campos da festa das parroquias. Normalmente, a asociación Senunpeso organiza a actividade en colaboración coas asociacións de veciños de cada parroquia. "Se non queres ser un paracaidista que chegas alí coa túa película, precisas traballar coa xente do propio lugar. Isto sérvenos para establecer máis lazos e a experiencia dinos que desta maneira a xente responde ben, séntese interpelada". Os públicos son diversos, comenta Moisés. Hai quen fielmente vai ver todas as proxeccións e hai quen acode porque é unha iniciativa da súa parroquia e ten a posibilidade de ver cine ao lado da casa. Sexa como for, é unha maneira de que o cinema reforce a identidade colectiva de toda unha aldea. 

Neste nova edición poderán verse catro filmes galegos ao longo do mes de xullo: “Santoalla” (venres 5 en San Mamede de Ribadulla), “Eduardo Barreiros, o Henry Ford galego” (venres 12 en San Pedro de Sarandón), “A sombra da lei” (venres 19 en San Xulián de Sales) e “Os fillos do sol” (sábado 20 na Ponte Ulla).

Imaxe da película Santoalla
Imaxe da película Santoalla | Fonte: Senunpeso

 

Eis unha breve reseña de cada unha delas:

SANTOALLA

Martin Verfondern e Margo Pool, unha parella de holandeses que soña con vivir na natureza, acábanse asentando nunha pequena e remota aldea de Ourense practicamente abandonada. A súa chegada desafía as tradicións da única familia nativa e desencadea un conflito que culminará coa misteriosa desaparición de Martin.

2016. Documental. 83 min.

Dirección: Andrew Becker e Daniel Mehrer

Recomendada para maiores de 7 anos 

Coa colaboración da Asociación de Veciños San Blas

EDUARDO BARREIROS, O HENRY FORD GALEGO

Eduardo Barreiros é un galego de orixe humilde que consegue montar un imperio empresarial coa transformación dos motores de gasolina en diésel. Grazas á súa curiosidade e á súa incansable determinación crea unha xigantesca corporación automobilística que desafía o monopolio do estado franquista.

2011. Drama. 90 min. Baseado en feitos reais.

Dirección: Simón Casal

Con: Manuel Regueiro, Christian Escuredo, Manolo Solo, Julio Pereira, Denis Gómez, María Tasende, Alfonso Agra, Tamara Canosa...

Recomendada para maiores de 7 anos

Coa colaboración da Asociación de Veciños de San Pedro de Sarandón

A SOMBRA DA LEI

No ano 1921, España vive un momento caótico de enfrontamentos entre matóns e anarquistas mentres que os negocios ilegais florecen á sombra. Neste ambiente envían ao axente Aníbal Uriarte a Barcelona para deter os ladróns dun tren militar. Alí coñecerá a Sara, unha moza loitadora con quen desenvolverá un vínculo especial.

2018. Drama. 126 min.

Dirección: Dani de la Torre

Con: Luis Tosar, Michelle Jenner, Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous, Manolo Solo...

Recomendada para maiores de 16 anos

Coa colaboración da Asociación de Veciños Unión e Progreso de San Xián de Sales

OS FILLOS DO SOL

En plena posguerra, catro visionarios logran crear unha das empresas farmacéuticas máis importantes do século XX: os laboratorios Zeltia. Alí o científico Ferran Calvet poderá aplicar todos os seus coñecementos técnicos logo de ser apartado da docencia na Universidade de Santiago de Compostela polo goberno franquista.

2017. Drama. 88 min. Baseado en feitos reais.

Dirección: Ramón Costafreda e Kiko Ruiz Claverol

Con: Pablo Derqui, Xosé Barato, Vicky Luengo, Tamar Novas, Xúlio Abonjo, Víctor Duplá, Roser Tapias, Celso Bugallo, Clara Segura, Manolo Cortés...

Recomenda para maiores de 12 anos

Coa colaboración da Asociación de Veciños Virxe do Gundián

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta