Denuncian a “precarización” e a “escravización” do colectivo de enfermaría de Galicia

Enfermeiras Eventuais en Loita presenta un manifesto no que critica a súa situación e reivindica unhas condicións dignas de traballo.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/07/2019 | Actualizada ás 12:08

Comparte esta noticia

O colectivo Enfermeiras Eventuais en Loita activou na rede o Manifesto pola fin da Precariedade na Enfermaría Galega, un documento no que denuncian duramente a precariedade laboral á que se ven sometidas. Así, critican que a Xunta ten “escravizadas e sen dereitos” a miles de profesionais cualificadas que non contan con contratos estables e ás que poden recorrer “a calquera hora do día”, dado que “se non, non comen”.

Un grupo de Enfermeiras Eventuais en Loita
Un grupo de Enfermeiras Eventuais en Loita | Fonte: Facebook Enfermeiras Eventuais en Loita

No documento tamén se denuncian as trabas existentes para conciliar o traballo coa vida familiar e social, a imposibilidade de coller vacacións ou permisos laborais, ás ameazas de penalizacións nas listas de contratacións e a continua mobilidade dos servizos. “Unhas condicións que perduran desde hai doce anos e que na actualidade sofren dez mil enfermeiras”, din.

Por iso,  Enfermeiras Eventuais en Loita, un colectivo formado por máis de dez grupos locais da área sanitaria galega, reivindica unhas condicións dignas de traballo. Tamén reclama a configuración dunha “sanidade pública, universal e de calidade, como alicerce básico e fundamental do Estado de Benestar”, e polo empoderamento da Enfermaría como unha disciplina recoñecida no terreo da investigación e da docencia.

O colectivo, que colgou este manifesto na rede, pide o apoio da xente porque entende que a cidadanía “non debería agardar a que un problema lles afecte directamente para ser sensíbeis á realidade que nos rodea". Pódese asinar aquí.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta