En Marea: O empeño de manter unha marca moribunda

Podemos, Izquierda Unida e Anova quedaron coa marca no Parlamento. Non renegan dela, pero non queren aparecer con ela. Villares e os seus, agora no grupo mixto, insisten en presentarse como En Marea pero, oficialmente, non poden chamarse así na Cámara. É o debate dun nome que está morto e un show político de líderes que bailan a carón do Grupo Parlamentario de Marea, Grupo Mixto de En Marea ou Galicia En Común Unidas Podemos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 08/07/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

En Marea ou o sucidio colectivo dunha marca política. Así podería titularse o último capítulo protagonizado por Podemos, Izquierda Unida e Anova, que quedaron con esta marca na Cámara galega, aínda que non a queiran, e o grupo de Luís Villares, o seu ex voceiro parlamentario, que insiste en presentarse como o líder desa marca.

Manuel Lago e Luís Villares (En Marea) presentan a súa análise dos PGE
Manuel Lago e Luís Villares (En Marea) presentan a súa análise dos PGE

Unha marca que moitos dirixentes políticos coinciden en dar por morta. "Sería un suicidio político insistir en presentarse cunhas siglas que producen rexeitamento ao votante", apunta un vello parlamentario galego. "O mellor sería que uns e outros fixeran borrón e conta nova", indica.

Borrón e conta nova fixérono xa de facto, pero non de acto, porque a xenreira que aínda manteñen os que marcharon e os que quedaron, segue manifestándose, agora, sobre a titularidade dunha marca que, lonxe de ser una activo electoral, supón un cúmulo de problemas electorais para quen se queira presentar con ela.

GRUPO PARLAMENTARIO DE EN MAREA

Precisamente, o portavoz parlamentario de En Marea, Manolo Lago, aseguraba este luns que o cambio de nome do grupo é un proceso que avanza "sen présa pero sen pausa" e que se dará "cando a nós nos pareza ben", xa que se dará nun debate interno que represente o proceso no que estamos agora".

Luís Villares e Manuel Lago, de En Marea. EUROPA PRESS - Arquivo
Luís Villares e Manuel Lago, de En Marea. EUROPA PRESS - Arquivo

"Mentres non exista ese cambio, no Parlamento de Galicia haberá cinco grupos: PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e grupo mixto", resolveu Lago nunha rolda de prensa, na que sinalou que "é mellor non profundar na confusión" nunha clara indirecta a Luís Villares que insiste en referirse ao Grupo Mixto, como o grupo de En Marea.

GALICIA EN COMÚN UNIDAS PODEMOS

De feito, os críticos a Villares, que foron os que quedaron coa marca, aínda que non están nada cómodos con ela, tampouco saben, de momento, como nomearse. "Galicia En Común Unidas Podemos", foi o nome que levaron nas pasadas eleccións xerais e En Común a marca que tamén utilizaron nalgunhas listas das municipais. Pero ese é un nome que non lle gusta a Anova, a mínima pata nacionalista que aínda queda nese conglomerado de siglas políticas, pero cun poder, agora, case residual, polo que o seu poder de decisión é tamén, residual.

Con todo, o futuro nome do Grupo Parlamentario de En Marea, segue sendo unha incógnita. Ao ser preguntado pola posibilidade de renomear o grupo como "Galicia En Común", Lago apuntou que "é un nome máis, como outros que aparecerán ao longo do proceso", aínda que precisou que el non é "ninguén para opinar".

"Cando chegue o momento elixiremos o nome que mellor reflicta o momento temporal no que estamos na construción dunha alternativa de unidade popular que desbanque ao PP da Xunta de Galicia", relatou Lago, quen precisou que non se permitirá ningunha inxerencia externa" no proceso, que será "tranquilo e relaxado". De feito, o deputado afín a Esquerda Unida, insistíu en que o seu grupo representa o que foi o apoio popular a En Marea. "Construímos unha alternativa ao PP, sendo a segunda forza política máis votada e a primeira da oposición e, oficialmente, é En Marea", suliñou.

E VILLARES INSISTE CON EN MAREA

Mentres tanto, o portavoz do grupo mixto e antigo portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, evitou entrarlle ao trapo a Lago nin entrar en debates de nomes. "O que nos interesa agora é mirar cara adiante e facer propostas para solucionar os problemas da nosa xente e do noso país; todo o do pasado non nos interesa".

Con todo, Villares compareceu en rolda de prensa no Parlamento de Galicia ante un gran cartel co logo de En Marea e utilizou a fórmula "desde En Marea propomos" para referirse ás propostas do grupo mixto. Todo un aviso aos seus antigos críticos e, sobre todo, un aviso a que quere e vai seguir loitando pola marca moribunda.

Pola súa banda, e curiosamente, o portavoz parlamentario de En Marea compareceu na sala de prensa que até agora utilizaba cada luns Villares, pero cunha distribución diferente: situouse no extremo oposto da sala, ante unha parede branca, evitando aparecer fronte ao gran logo de En Marea.

E mentres Lago evitaba saír diante do logo de En Marea, aínda que tampouco quere que ningúen se apropie del, o deputado Antón Gómez-Reino daba unha rolda de prensa, case á mesma hora, pero baixo as silgas de Galicia en Común Unidas Podemos. A marca que xa utilizan Podemos e Izquierda Unida en Madrid e na que se senten moi cómodos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 xacobe

Pufffff. Cansinos!!!!