Pensar un novo proxecto político

Un sábado do mes pasado asistin ao acto no que a Executiva de Esquerda Nacionalista tomou a decisión de abandonar o BNG, a organización na que naceu hai bastantes anos e na que traballou por un proxecto nacionalista, aberto e moderno, capaz de ofrecer un espazo político de referencia. Ao longo destes anos,tivemos que aturar todo tipo de adversidades que determinaron a nosa existencia agónica,  desde expulsións de militantes nosos até unha constante marxinalidade, nun cerco asfixiante a un pequeno partido que, no entanto, tal vez fose o proxecto máis aberto, dinamizador e moderno de todos os que hai, aínda, no seu do BNG. En todo caso, todos estes factores conducironnos á práctica desaparición, acentuada pola marcha de cualificados militantes na procura doutros espazos máis “glamourosos”.

Por Miguel Mato | A Coruña | 09/03/2012

Comparte esta noticia
Creo que o nome BNG está amortizado hai tempo, extraviado, nun proceso de ensimismamento, de perda de referencias, de perda de contacto coa realidade. Para alén diso, no seu da organización, desde hai tempo, existe un malestar interno, unha tensión que fixo irrespirábel a convivencia, e, nese caso, o traballo político. Unha confusión interesada da UPG co BNG, que nos deixaba a moitos militantes nunha condición de marxinalidade. E creo que isto foi a principal razón do abandono de moitas militantes de hai uns anos para aquí. Non hai nesa decisión unha ruptura ideolóxica, e penso que non o houbo na case totalidade dos casos.
 
A creba do nacionalismo oficial, despois dunha manchea de conversas, opinións, cálculo de posibilidades, fixose realidade.  Os Irmandiños anunciaron que se van, de xeito oficial. Os desencontros coa liña oficial xa eran sabidos e, após a última Asemblea ficaron nun ponto de imposíbel retorno. Non estivemos aló e non é o noso propósito ningún comentario ao respecto. Eu quero pensar, e deixar para sempre nese punto, que todo foi inevitábel e que a ruptura era obrigada. A outra posibilidade, a de refundar un BNG cunha nova estrutura baseada na desaparición de todos os partidos e corrrentes internas, resultaba a esta altura, inimaxinábel. O caso é que a creba abre unha nova etapa no nacionalismo e na súa organización política. Estamos de novo na necesidade dun novo pulo que reoriente as ideas cara os novos tempos.  Non é un rexurdimento da Asemblea de 1982 en Riazor. Debería ser outra cousa, xa que os tempos e as circuntancias outros son. Un novo proxecto que deixe de vez o modelo frentista, caducado e prolongado en exceso, que actuou como freo e non como motor, e que de ningún xeito mostrou esa pretendida pluralidade interna tan exhibida cara o exterior como freada e mesmo reprimida na vida interna do BNG. 
Desde logo, fóra do BNG non hai frío ningún. Agora, neste momento da nosa historia, o nacionalismo galego presenta diferencias tanto no propio concepto ideolóxico como na estratexia política. O caso é que  probablemente camiñe cara dúas solucións. Unha, o que temos desde 1982; o outro, o que saia de toda esa diáspora tan dispersa, tan plural. Ou non tanto. Non sei. O caso é que agora son as bases as que o teñen claro. As que apostan por decisións que falan dun novo proxecto. Son elas as que procuran unha vía fóra do BNG. Por canseira, por desengano, por necesidade de sintonizar de novo coa sociedade. Por todo iso e máis. Creo que todas as persoas que deixamos a organización, nos últimos anos, unha fonte que non acouga, deixámola por todo iso. Tamén por cuestións persoais, desencontros con compañeiros e compañeiras, militantes ou simpatizantes, que se expresaron a través de diferencias de criterio non resolvidas. 
 
E isto tamén se relaciona coa necesidade de entender doutro xeito o nacionalismo. A liberdade dunha nova organización, a ilusión no seu proceso de nacemento, a necesidade de afirmación e a solidez intelectual, un novo xeito de entender a militancia, esixe tamén unha nova idea do nacionalismo, acaso tratar de entender todo aquilo que nos convenceu tanto tempo, mais que comezamos a relativizar nalgún momento.
 
Sería necesario refacer as nosas ideas, os presupostos políticos, a idea de cultura, da nosa cultura, da visión da nazón no seu conxunto. Por iso debemos procurar a sintonía coa nosa propia historia, desde os tempos das Irmandades, a nosa historia, agora modernizada, formulada desde as posibilidades as esixencias do século XXI, a situación da sociedade galega, o seu perfil actual, reformular o concepto do nacionalismo, como conxungalo cunha realidade definida polo fenómeno da globalización. Recrear o noso imaxinario colectivo cunha visión anovadora.
 
Dentro disto, unha nova visión da cultura galega, revisando conceptos e tópicos hoxe superados, apostando por entroncar a nosa cultura co espazo cultural e lingüístico lusófono. Sen esquecer o idea atlantista e europeísta.
 
Outro dos alicerces en que deberia encontrar pousadouro a nova organización sería o contacto con todos os movimentos actuais progresistas e criticos co sistema actual de correspondencias politicoeconómicas, cos novos movimentos ecoloxistas e respectuosos co medioambiente, nunha política de permanente resposta ao capitalismo, á explotación económica, á alienación cultural.
 
Ante eles non podemos permanecer alleos. A resistencia ás formas máis inhumanas do capitalismo, á explotación sistemática da sociedade por iso que xenéricamente chamamos “mercados”, debe axudar a formar alianzas nun outro xeito de globalización. 
 
En fin, relación estreira cunha nova esquerda que ten os seus alicerces nos movementos sociais e no movemento alternativo que abrolla en todo o mundo como as fontes en primavera, e que no contexto político e social da Unión Europea se manifesta como unha tendencia heteroxénea na protesta e disconformidade ante unha situación que os partidos da esquerda maís convencional e socialdemócrata, próximos son incapaces de enfrontar, na súa moderación e transixencia coas políticas máis duras e inxuntas do capitalismo.
E ante esta crise, cando nen sabemos como vai ficar o mapa político nos próximos anos, temos a ocasión e o lugar para unha nova organización que atenda a toda esta situación para darlle resposta cumprida. 
 
Resulta esperanzador ver aos estudantes de novo en asembleas. Un volve os ollos cara o pasado e recorda aquelas celebradas nos setenta en Compostela.
E tamén resulta interesante a manifestación do descontento no proxecto europeo por parte dunha cidadanía cansa de especulacións co seu futuro.
E cal será ou debería ser a actitude dunha nova organización nacionalista galega a respecto de todo isto? : Un compromiso forte coa globalización nos planos humano e social, con garantía para todos os cidadáns no compromiso para manter o estado de benestar.
 
E todo isto terá de ser materia de análise para a nova organización que saia da descomposición do BNG. Non poderá permanecer illada nunha suposta e evanescente “realidade galega”, senón afirmar os lazos de unión con todo este movemento novo, inédito, extenso e, malia isto, consistente. 
O mundo, nestas próximas décadas, será outro e nós non podemos como galegos e como cidadáns do mundo, permanecermos alleos e el, isolados en vellas fórmulas que se teñen manifestado xa como inútiles. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Miguel Mato Fondo Miguel Anxo Mato Fondo é escritor e crítico literario. É licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente traballou como profesor de lingua e literatura Galegas en Sarria e na Coruña.