Galicia, protagonista do 125 aniversario da avenida máis famosa de Arxentina

Este martes a Avenida de Maio fai 125 anos. Desde os seus comezos estivo chea de negocios galegos.

Por Galicia Confidencial | Buenos Aires | 09/07/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O conxunto de música e baile tradicional galego da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina (FAGRA) participou este luns nos festexos polo 125 aniversario da Avenida de Maio. Esta avenida é o eixo cívico da cidade de Buenos Aires e tivo unha notable presenza do colectivo galego e español ao longo da súa historia.

O grupo de música e baile da Federación de Asociacións Galegas en Bos Aires celebran o 125 aniversario da Avenida de Mayo da capital Arxentina
O grupo de música e baile da Federación de Asociacións Galegas en Bos Aires celebran o 125 aniversario da Avenida de Mayo da capital Arxentina | Fonte: remitida

O conxunto galego Dúas Beiras e Estróupele puxeron cor e son galegos a un percorrido guiado que partiu desde o 1400 da avenida e avanzou polo centro histórico porteño para admirar o impoñente patrimonio que conserva esta zona da cidade a ritmo de xotas e muiñeiras.

A avenida foi inaugurada o 9 de xullo de 1894 e para o centenario da independencia arxentina lucía xa no seu máximo esplendor. Desde o seu inicio estivo marcada pola presenza da importante inmigración galega que chegou a Arxentina e estableceuse en comercios da zona. De feito, foi transformando o estilo parisiense co que foi construída esta arteria da capital nunha pequena Galicia da que aínda hoxe quedan vestixios. 

Un lugar mítico desta presenza galega foi o Café Tortoni. Alí xuntábanse en tertulia Arturo Cadrado, Luís Seoane, Lorenzo Varela ou Rafael Dieste. Tamén destacan ás reunións de republicanos no histórico Bar Iberia. “Son moitas as anécdotas que esconde esta rúa que percorren tanto os presidentes en cada asunción, como o pobo cada vez que eleva a voz en reclamo de melloras sociais, laborais ou reivindicacións de diversa índole”, apuntan desde a Federación Galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta