Avalían os danos causados polas treboadas en viñas e hortas de Valdeorras e Monterrei

O conselleiro de Medio Rural sinala que é "prematuro" facer unha avaliación exacta.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/07/2019 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

Técnicos das oficinas agrarias comarcais de Medio Rural avalían este martes danos ocasionados polas treboadas e a sarabia do luns que afectaron a viñedos e hortas de zonas como Valdeorras e Monterrei, na provincia de Ourense.

O conselleiro de Medio Rural, José González, trasladouse ata os municipios do Barco de Valdeorras e Monterrei para comprobar "en persoa" os danos e enviar a súa "solidariedade" a agricultores e viticultores.

Na súa visita a O Barco estivo acompañado polo alcalde do municipio, Alfredo García. O conselleiro remarcou a importancia de que os produtores contraten seguros agrarios para imprevistos como temporais. Sinala que para este ano a Xunta destina cinco millóns de euros ao fomento da súa contratación.

Con todo, remarca que este é "un ano de moi boa colleita" a nivel vitivinícola, polo que espera que ese aumento da produción sirva para paliar os danos por estas treboadas. Ademais, anima a utilizar produtos cicatrizantes nas vides, pois indica que poden ter un efecto moi positivo, mentres pon a disposición o apoio técnico da Xunta para "calquera dúbida".

Nestas inspeccións detectouse que os principais municipios afectados son os de O Barco, Rubiá, O Bolo, Verín e Monterrei, aínda que o conselleiro sinala que é "prematuro" facer unha avaliación exacta.

Enchenta en Albarellos ( Monterrei) tras a crecida do río polas fortes chuvias e treboadas do verán
Enchenta en Albarellos ( Monterrei) tras a crecida do río polas fortes chuvias e treboadas do verán | Fonte: Diario do Támega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta