A valedora do Pobo solicita un aumento de soldo malia estar en situación de interinidade no cargo

A petición prodúcese cando aínda non foi acordado a substitución de Otero á fronte do Alto Comisionado do Parlamento de Galicia, condición que puxo a actual valedora para abandonar o seu cargo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2019 | Actualizada ás 18:52

Comparte esta noticia

A valedora do Pobo, Milagros Otero, solicitou un aumento de soldo á Mesa do Parlamento en virtude do decreto aprobado polo Goberno central para actualizar os salarios dos empregados públicos en virtude da evolución do Produto Interior Bruto (PIB).

Así o denunciou o Grupo Parlamentario de En Marea este venres, que recolle nun comunicado a carta remitida o pasado 11 de xullo por Otero á Mesa do Parlamento. Nela, pide que se aplique a subida das retribucións tanto a ela como ao adxunto ao Valedor, o que suporía un aumento do 0,25% das cantidades percibidas no primeiros seis meses do ano 2019.

A petición prodúcese cando aínda non foi acordado a substitución de Otero á fronte do Alto Comisionado do Parlamento de Galicia, condición que puxo a actual valedora para abandonar o seu cargo tras ser ratificada polo Tribunal Supremo a nulidade do nomeamento do posto de xefe de servizo de Administración e Persoal, por "desvío de poder", a María Puy Fraga, sobriña do expresidente Manuel Fraga e irmá do portavoz parlamentario do Partido Popular.

O pasado mes de abril, Milagros Otero puxo o seu cargo a disposición da Cámara, que é o órgano que a nomeou, a proposta do PP, e ten o poder de revogala cunha maioría reforzada dos deputados. Pero vinculou a súa renuncia a que os grupos parlamentarios se poñan de acordo previamente sobre o seu substituto á fronte da institución e na Vicevaledoría, que actualmente ocupa Pablo Cameselle (nome impulsado polo PSOE).

Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a actual valedora influíu no proceso para que o posto recaese na filla do catedrático de Dereito do que ela é discípula académica --como recoñeceu en sede parlamentaria--, chegou a presentar a súa "abstención" no proceso, iso si, despois de que estivesen definidos os criterios da convocatoria e de que se presentaron os candidatos.

De feito, na súa comparecencia en xullo de 2018 --tras coñecerse o fallo do TSXG--, Otero admitiu que na resolución de abstención "non especificou a causa concreta, debido a que consideraba que era de público coñecemento que é discípula académica do pai dunha das persoas que concorría".

"Quedamos absolutamente sorprendidos con esta solicitude e parécenos unha vergoña", afirmou a viceportavoz do Grupo Parlamentario de En Marea, Carmen Santos. A deputada lembra que o salario de Milagros Otero á fronte da institución é de 79.000 euros anuais, "un dos máis altos do sector público" e censura que a petición se produza cando debería "dimitir xa" do seu cargo.

Milagros Otero, valedora do Pobo, explica os motivos de por que se puxo a disposición do Parlamento e condiciona a súa renuncia a que haxa substituto. EUROPA PRESS - Arquivo
Milagros Otero, valedora do Pobo, explica os motivos de por que se puxo a disposición do Parlamento e condiciona a súa renuncia a que haxa substituto. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 anonimo

Pensándoo ben, tes razón, Milagritos, total, nunha destas vante tirar para unha esquiña, que vaias cos puchos cheos, mira ti o ex-conselleiro e a filla, enchufáronnos na fundación do Cela, sacaron sabe Deus cánto e tamén se foron de rositas!!!!!!!!!

2 anonimo

Dior mío, Milagritos, pero aínda andas por aquí???????

1 Sabela Quintáns

Galicia Caridade. Sen vergoña non hai honra. Roma (frijol) paga traidores. Noxo.