O Goberno galego pide "manter o acordo" do corredor atlántico porque "a liña A Coruña-Monforte segue existindo"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 20:28

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apelou a "manter a unidade e o acordo" entre administracións públicas para "conseguir os fondos" que precisa o corredor atlántico en Galicia e respondeu ás críticas lanzadas este mércores pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

En concreto, a rexedora lamentaba que o actual trazado ferroviario obriga a que as saídas e destinos da cidade herculina pasen "inexorablemente" por Vigo, co "consecuente prexuízo" para os intereses coruñeses. Por iso, reflectía que a Confederación aposta por un trazado "moito máis racional", unindo Monforte con Lugo e A Coruña".

Respecto diso, Feijóo dixo "non entender o debate" e fixo un chamamento á "tranquilidade" porque, afirmou, a liña A Coruña-Monforte "segue existindo" e ten "toda a operatividade". "Non é certo, en ningún caso, que se deixe sen efecto a liña A Coruña-Monforte. Esa liña existe, persiste e o que hai que facer é modernizala", expresou o máximo mandatario da Xunta na rolda de prensa tras a reunión co seu Executivo.

En calquera caso, Feijóo púxose "a disposición" de "calquera axente económico e social" da urbe herculina para "aclarar" este debate. "Sorpréndenme algunhas manifestacións que estamos a ver estes días", admitiu. Así as cousas, o titular da Xunta lembrou que o corredor atlántico é un acordo non só das comunidades de Asturias, Castela e León e Galicia, senón que se estudou coas organizacións empresariais deste tres autonomías.

Así, explicou que despois de que o Goberno do expresidente Mariano Rajoy aceptase estender ata Galicia o corredor e que Bruxelas o ratificase, "deseñamos o corredor, conveniamos e chegamos a un acordo". "O que debemos é manter a unidade para conseguir fondos", subliñou.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello.. XUNTA DE GALICIA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello.. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 anonimo

A liña de tren Coruña - Lugo - Monforte sigue existindo, desde logo, pero está infrautilizada. E iso que fai puco fíxose unha variante , na Poboa de San Xiao, na que os tres poden alcanzar os 160 km/hora.

1 Dimitri Goncharev

Eu estou nas antípodas do PP pero a señora alcaldesa da Coruña a quen debe dirixirse e aos seus colegas que "gobernan" en Madrid-España.