Hai moitas maneiras de radiografar o desastre colectivo. Un deles é o informe PISA, claro que si. Os resultados son os que son e hai que botar as mans á cabeza. Mais hai outros informes que, quizais por seres menos populares, pasan máis desapercibidos aínda que tamén din cousas que nos deben preocupar. Como por exemplo o último "Informe del Observatorio de la librería' que publica a Conferencia Española de Gremios y Asociaciones de Libreros e que sinala que, mentres que en Europa, a pesar da crise, se abren cada ano máis librerías, no estado español perdéronse, dende o 2008 ata hoxe, o 21 por cento das que había.
O informe é absolutamente demoledor. Sinala que, no ano 2008, cando comeza oficialmente a crise, no estado español había un total de 7074 librerías. Cinco anos despois, 5556. Se botamos contas, sáenos unha cantidade precisa, escura e tremenda, para certificar a depresión e para poñerlle unha cantidade concreta á perda descarada dun valor colectivo como son as librerías.