Ecografías

Un deputado de Unión del Pueblo Navarro, soltou hai uns días unha das barbaridades máis rancias, estúpidas, parvas e inmorais, de cantas se teñen visto no parlamento español. Sacou unha foto dun feto para ilustrar, e argumentar, que as mulleres xestantes sexan obrigadas, por lei, a ver unha ecografía do feto antes de tomar a decisión.

Por Francisco Castro | Vigo | 27/10/2013

Comparte esta noticia
A súa proposta (estas cousas sempre as propoñen os homes, os bispos, os mulás, os ayatolahs, sempre ghichos con moito tempo libre e unha misoxinia que lles reborda en forma de pus polas orellas) consiste en manter que a lei obrigue (o verbo ten collóns, dada a complicadísima situación emocional na que están as mulleres cando toman esa decisión) a ver unha ecografía do cativo ou cativa que están xestando para que así "o pensen dúas veces"..
Nin me vou parar a pensar na finalidade última de tal decisión, que está clarísima cal é. Nin tampouco, porque é unha obviedade, a ideoloxía contaminada e inxusta que sustenta tal iniciativa. Non vou perder o tempo en analizar nada disto porque non teño ganas e porque quizais perda as formas. En calquera caso, si que debo dicir que me resulta máis que fascinante o ricto sorrinte que, nas fotos que puiden ver das que lle fixeron durante a súa exposición, o deputado (de nome Carlos Salvador) mantivo durante a súa "argumentación". Notábase rufo, moi cheíño de si mesmo, moi feliz.
 
Hai que ser inconsciente.
 
E mira que eu non son de dicir este tipo de cousas pero: de verdade que esta xentiña cobra dos meus cartos para estar sentados aí?
 
O partido dese señor está adscrito ao PP en Navarra, é dicir, forma parte da mesma agrupación política que no seu día avalou a guerra do Iraq. Dáme por pensar que tería estado ben que antes de lanzarse a apoiar a Bush, Blair, etc (Aznar sabía que ninguén do seu entorno de obediencia ía dicir nada) lles deixasen ver, a Aznar, ou a este señor das ecografías, as caras todas de todos os nenos e nenas aos que lles ían botar bombas enriba, é dicir, a morte en nome dunha mentira que se sabía que o era.
 
O que pasa é que, aínda que tal se fixese, aínda que lles deramos un paseo polos lugares onde tanta xente ía morrer por mor das súas decisións, aínda que lles deixasemos falar coa cativada toda que ía ser esnaquizada por eles, aínda así, non habían variar a súa decisión.
 
Porque as persoas non lles importan en absoluto.
 
A parida (uso a verba con toda a malintencionalidade do mundo) do deputado ecógrafo, non está inspirada -diga el o que diga- polo amor aos non nados aínda, que eles consideran xa persoas. A proposta nace do odio profundo que se ten, nalgúns ámbitos do pensamento (por dicilo en fino) pola muller e, sobre todo, pola súa liberdade. A que decidan por si mesmas. A que sexan donas de seu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro