O dato que importa é que a persoa executada estivo dúas horas agonizando, asfixiándose nunha tortura durísima logo dunha inxección letal que, dun xeito indoloro, tiña que ter rematado coa súa vida. Pero non o fixo. E ollo, que non se me entenda mal. Os que somos contrarios á pena de morte, non a aceptamos para ninguén (fixese o que fixese) e baixo ningunha das súas formas. A pena de morte é unha barbaridade. Punto pelota. E casos como o de Arizona o único que fan é resaltar a condición bárbara da barbaridade deste asasinato legal. E punto pelota outra vez.
Por iso titulo este artigo así.
A pena de morte é un exercicio bárbaro, unha demostración de inhumanidade. Os clásicos gregos chamaban ás hordas salvaxes que de cando en vez os invadían, os "bárbaros". Referíanse co termo a aqueles que non sabían falar. Faltáballes o "logos" ou sexa, a palabra. Mais"logos" significa tamén "razón". Era un xeito de suliñar a súa condición animal. Un bárbaro é un animal. Alguén sen civilizar. Un ser que vive fóra e afastado do resto porque é indigno de vivir coa xente e ten que facelo nas marxes da polis.
A pena de morte é un homicidio amparado pola lei que en ningún caso, digan o que digan os seus partidarios, sirve para facer xustiza (e dende logo tampouco para reducir a criminalidade). O seu único obxectivo é dar vinganza. Facer pagar con sangue o derramamento de sangue. Dar cobertura legal á lei bíblica, e xurásica, do ollo por ollo.
A erradicación por completo desta práctica bárbara debería de ser un dos grandes obxectivos a conseguir para as Nacións Unidas en todos os países do mundo. Xa non só porque é, como dicimos, unha barbaridade (ou porque como haxa un erro e se execute a un inocente, ten logo difícil reparación) senón porque tamén hai lugares no mundo sen ningunha clase de garantía democrática, onde as execucións (polo xeral de disidentes) adoitan ser mecanismo represivo e ameaza terrible fronte de calquera clase de rebeldía.
A Humanidade non ten dereito a chamarse tal mentres siga a ser tan tremendamente bárbara.