Crear

Crear é algo que só podemos facer os seres humanos. Se hai algo que nos diferenza do resto dos bechos é esa capacidade nosa para transcender a realidade real e inventarnos outra máis fermosa.

Por Francisco Castro | Vigo | 10/08/2014

Comparte esta noticia
Non sempre é así. Se queremos podemos inventar outras realidades máis perversas. Mundos absurdos e noxentos onde a  infelicidade sexa o aire común. Visóns horrendas de caos e dor. De escravitude e bágoas. De feito iso é o que mellor se nós dá. Mais somos tamén quen de fabricar a beleza. Músicas que nos deixarán sen alento. Versos que nos farán un furado no medio do peito. Todo iso, cando está ben feito, adoita chamarse arte.
 
Levo un cuarto de século dedicándome á creación. 25 anos poñendo sobre o papel o que pasa pola miña cabeza e, sobre todo, polo meu corazón. Moito tempo da miña vida, tamén, escribindo sobre o que me indigna, sinalando as partes do mundo que non me gustan para pedir a súa transformación. E  síntome un privilexiado por podelo facer. Por escribir agora mesmo isto sabendo que ti estás a lerme. Por poder atrapar tantos soños que un día me naceron quen sabe onde foi que naceron, e poñelos logo sobre a pantalla do ordenador para que sexan libro,  xornal, ondas eléctricas que a través dun aparello tamén eléctrico comunica o que eu son para que me entendas un chisco máis ti e, de paso, entenderme eu. 
 
Como sempre digo, crear é un exercicio de comunicación no que un eu procura un ti. Un eu que deseña unha realidade que se materializa na dimensión misteriosa da beleza e que convida a entrar nela a todos cantos cren que é posible esta forma da felicidade que é gozar do mundo que outros crearon. Esa ledicia que sentimos ás veces lendo un libro, apampados no teatro ou no cine, anegados de pracer en éxtase musical abeirados a unha boa canción. 
 
O creador, a fin de contas, ten que aspirar a iso. A ser inmortal. E a que cada vez que alguén penetre no seu universo, a luz máis branca e potente apareza diante deses dous euentí que se comunican. E sexan un chisco felices. Un intre. Os dous. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro