Vivir con menos de 5 euros ao día

Dende hai aproximadamente un ano, convivimos con absoluta normalidade cos datos, coma sempre fríos e fríxidos, da pobreza no estado español e no mundo. Montoro di que non, que todos minten, incluso as ONGs vencelladas á igrexa católica.

Por Francisco Castro | Vigo | 17/07/2014

Comparte esta noticia
E o mesmo que aprendimos, a forza de ver o negriño comesto polas moscas a que xa non nos impresione ver negriños comestos polas moscas, estamos comezando a inmunizarnos coa mesma forza diante desas informacións que volven falar, nunca tal pensaramos, de nenos e nenas que pasan fame, de familias vivindo na pobreza, de universitarios que non poden pagar a matrícula, na nosa contorna veciñal máis próxima.
 
Afacémonos a todo.
 
Tamén a vivir ignorando a miseria. Centrados no Mundial ou no que toque centrarse para non ver tan tristeira e insufrible realidade.
 
Para non percibir esa miseria que volveu e que se instalou entre nós aínda que, en realidade leva séculos vivindo, como atmosfera habitual, pegada a epiderme dos pobres de verdade en moitos lugares do mundo.
 
Así que vou dicir unha obviedade e vou escribir un deses textos que algúns -en especial os señores da dereita- adoitan cualificar como demagóxicos. Xa sabedes: cando algo é moi obvio (se o que gastamos en armas fose para sanidade mellor nos iría, ou, co que custa manter determinados privilexios acabamos coa fame no país...ese tipo de reflexións sinxelas), pois iso, axiña se nos di que un estamos a facer demagoxia. Literalmente: a dicir o que o pobo quere escoitar. O que pasa é que os que nos gobernan levan moitos anos só dicindo o que os que non son pobo, senón aristocracia económica e poder, queren escoitar (xa sabedes, tamén: reforma do  mercado laboral, perda de dereitos cidadáns, recurte de servizos básicos para unha vida digna...a non ser que se pase por caixa... ese tipo de cousas tamén).
 
Vai a reflexión demagóxica: vivimos nun mundo terriblemente inxusto porque dos aproximadamente 7000 millóns de seres humanos que somos neste planeta, hai arredor duns 4000 millóns que malviven con menos de cinco euros ao día. Se xa nos custa imaxinar como fan os mileuristas para chegar a fin de mes, pensemos o como ten que ser vivir con menos de cinco euros ao día.
 
Por suposto, e para seguir coa demagoxia, a meirande parte destes cincoeuristas concéntranse no que chamamos países empobrecidos (que non pobres), explotados e dedicados, no básico, a producir barato para que nós, os que estamos algo mellor, poidamos manter o noso nivel de vida.
É tan demagóxico o que veño de escribir como verdadeiro. É tan indecente o que veño de escribir como verdadeiro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro