O PSdeG "non obstaculizará" a rexeneración do Valedor do Pobo e critica a Feijóo polas "irregularidades"

Así o manifestou Gonzalo Caballero na xornada na que se coñeceu que o PPdeG rexistrou na Cámara galega a proposta de que a maxistrada María Dores Fernández Galiño ocupe o cargo de valedora do Pobo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, asegurou que a súa formación "non obstaculizará" a rexeneración na institución do Valedor do Pobo e criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fose "cómplice" do "escurantismo" e as "irregularidades".

"O PSdeG, despois de pechar a etapa da valedora anterior, buscará abrir unha nova etapa de rexeneración", manifestou Gonzalo Caballero na xornada na que se coñeceu que o PPdeG rexistrou na Cámara galega a proposta de que a maxistrada María Dores Fernández Galiño ocupe o cargo de valedora do Pobo.

En declaracións aos medios tras recibir en Santiago ao presidente de Asturias, Adrián Barbón, o xefe de filas dos socialistas galegos lembrou que fai máis dun ano que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sentenciou que "había unha ilegalidade" no nomeamento dun alto cargo nesa institución e que "casualmente era un parente de altos cargos do PP".

Tras sinalar tamén que hai catro meses que o Tribunal Supremo "confirmou" esa decisión xudicial, subliñou que sacar a Milagros Otero da institución do Valedor do Pobo "era unha necesidade de hixiene democrática". "E tivemos que facerlle unha presión continua ao presidente da Xunta para que obrigase a que se tomasen decisións determinantes que implicasen o cesamento efectivo da valedora", indicou.

Con todo, considerou que "o problema político no PP e Feijóo segue estando encima da mesa" porque foron "cómplices" durante máis dun ano "desas irregularidades". "Cremos que era unha decisión necesaria pero non é unha decisión suficiente para que as institucións funcionen de forma adecuada en Galicia", apuntou.

"A partir de aí, o PSdeG traballará en todas as responsabilidades que nos competen para ter unha institución do Valedor do Pobo que funcione, que deixe atrás esa etapa de escurantismo, corrupción e ilegalidade", apuntou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente de Asturias, Adrián Barbón, en Santiago de Compostela
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e o presidente de Asturias, Adrián Barbón, en Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta