Marina B. Aparicio, médica: "criarme no rural ensinoume o valor do esforzo e o cariño á terra"

A revista Forbes recoñeceu o seu labor como neumóloga engadíndoa na lista dos 100 mellores profesionais de todo o Estado. O camiño desta muller para chegar ata aí está marcado polo esforzo. Marina foi unha nena dunha casa humilde da aldea de Albixoi (Mesía), lugar ao que segue moi apegada. Nas liñas que seguen conta a súa historia de vida.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 31/07/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Eran as dúas da tarde dun domingo soleado, propio dun verán calquera. Marina Blanco Aparicio, recoñecida médica galega, agardaba por min na pista que ía dar á súa casa, en Albixoi (Mesía). "Hoxe temos xantar de mulleres!", dixo sorrinte mentres me presentaba a súa irmá Fina e a súa amiga Blanca. Aquel entorno que me acollía era o mesmo no que ela vivira toda a súa infancia e parte da adolescencia. Agora traballaba no CHUAC, o Complexo Hospitalario da Coruña, mais non esquece o lugar de onde procede. Foi Albixoi, conta, o espazo onde aprendeu a valorar as cousas importantes da vida. 

Marina Blanco Aparicio, nun recuncho da súa casa en Albixoi (Mesía)
Marina Blanco Aparicio, nun recuncho da súa casa en Albixoi (Mesía) | Fonte: Uxía Iglesias

"Na aldea aprendín a valorar as cousas importantes da vida"

O esforzo é a palabra que a define. Nunha época de dificultades, ela desmarcouse do camiño que lle podía vir asignado a calquera muller do rural e decidiu marchar para Santiago estudar Medicina. O traxecto foi longo pero Marina disfrutou del. Hoxe pode dicir que forma parte da lista dos 100 mellores profesionais de todo o Estado elaborada pola revista Forbes no 2018. Para ela, aquilo foi todo un milagre, "un bonito conto de Nadal". Especializada en neumoloxía e secretaria xeral da SEPAR (Sociedade Española de Neumoloxía e Ciruxía Torácida) ata hai ben pouco, esta que segue é a súa historia de vida: dende os seus estudos na unitaria da parroquia, o seu traballo co gando e a horta, o seu eterno apego á terra, ata a superación dos atrancos económicos familiares para o seu despegue cara ao mundo do estudo que desexaba.

A NENEZ

A etapa máis feliz da súa vida foi a de nena. "Sempre digo que afortunadamente tiven a sorte de ser moi feliz ata o momento, pero a felicidade adulta é diferente, está mesturada con preocupacións", conta Marina. A vida en Albixoi, alá pola década dos 70, era sinxela. "Con pouco ou con nada" se conformaban. Na casa da aldea onde agora seguen medrando as árbores que planta ao redor con tanta estima, Marina habitaba xunto coa súa nai e a súa irmá. Segundo relata, vivir só con mulleres marcouna enormemente. "Ao longo da vida ves como algunhas persoas establecen moita diferenza entre o rol de home e de muller, e no noso caso eramos tres mulleres que faciamos todos os labores". Nunca sentiu sobre si esa figura masculina que marcara o poder.

Marina Blanco Aparicio, nun recuncho da súa casa en Albixoi (Mesía)
Marina Blanco Aparicio, nun recuncho da súa casa en Albixoi (Mesía) | Fonte: Uxía Iglesias

Os recordos da súa infancia vanlle pasando pola mente mentres tece o relato da súa historia. "Iamos á escola á unitaria... Sempre digo que non acabamos sendo terroristas porque non tiñamos máis medios: eramos unha pandilla moi grande e moi traste! Xuntabámonos e dedicabámonos a facer o mal por aí, roubabamos froita... Estabamos en contínuo risco!" Mentres o conta, riseira, semella que o está volvendo vivir. Na unitaria, ás ordes firmes da mestra doña Eugenia, Marina viviu o que era o "respecto máximo". "Tiñamos que saudala cun 'buenos días, cómo está usted?', e ela respondía: 'muy bien, gracias'. Ao marchar diciámoslle: 'usted lo pase bien'". Impoñía castigos crueis: "o estándar era poñerse de rodillas, mirando cara a parede, con libros nas mans", pero as labazadas tampouco eran infrecuentes. A disciplica marca, remata por dicir. 

"Collinlle moitísimo cariño á terra, para min é moi gratificante porque ves o froito do teu esforzo no momento"

A Marina sempre lle gustou estudar. Incluso agora é ao que máis tempo dedica. Lémbrase dunha profesora, Doña Rosalía, que foi, quizais, a persoa que lle inculcou os estudos como un destino posible. "Ela falaba con miña nai e dicíalle: esta rapaza ten que estudar". En Xanceda, no grupo escolar, a súas inquedanzas por aprender só foron a máis. Fíxose amiga de María Teresa, conta, e ela e os seus pais foron cruciais tamén no seu futuro profesional. Un futuro que imaxinaba mentres axudaba nos labores da casa, axudando no coidado das vacas e da terra. "Co traballo collinlle moitísimo cariño á terra, para min é moi gratificante porque ves o froito do teu esforzo no momento", relata Marina.

Daquelas, Marina estudaba moito e rezaba moito, recorda. Ao redor dos rezos ten unha anécdota ben curiosa. "Miña nai era moi crente e foi o que nos inculcou. Ela rezaba e a min parecíame que iso lle resolvía... A miña preocupación era non suspender, pero durante o curso non me daba tempo a rezar, entón apuntaba nunha libreta: 'se aprobo matemáticas, 50 padrenuestros; 100 por historia'... Un verán xuntei 2.000 padrenuestros para rezar! Iso si que era traballo!", narra a risas. Así lle aconteceu durante tres anos, e ía aproveitando mentres coidaba o gando para tachar con pauiños aqueles padrenuestros pendentes da libreta. 

"Pepe da contribución viña os domingos á saída da misa e eu ía alí para solicitar as bolsas para estudar"

Do seu pai, que faleceu cando ela tiña oito anos, cóntanlle os veciños que era tratante de gando. "Parece ser que tiña moi bo olfato para os negocios...". Cando quedaron soas, a súa nai tivo que reorientar a situación. Era práctica no pensamento e no facer: "temos esta situación e hai que sacala adiante". Unha das teimas máis grandes da súa nai era asegurarse de que economicamente podería asumir os custos dos estudos das fillas. As bolsas foron unha axuda importante para Marina, que se encargaba dos trámites para solicitar as achegas de diñeiro. "Recordo que había un señor, Pepe da contribución, que era o señor que cobraba os impostos e a contribución polas aldeas. Viña os domingos á saída da misa, e eu ía alí, no medio dos homes todos, non sen certo medo, porque tiña mal xenio, pero a min sempre me trataba con moito afecto". Así pois, á saída da misa era onde Marina amañaba todo o papeleo de ano en ano para poder seguir estudando.

OS ESTUDOS SUPERIORES

"O medio rural inculca unha serie de valores que te acompañan o resto da túa vida"

E por que se decantou por medicina? "A xente decepciónase un pouco cando lle digo que eu tivera feito calquera outra carreira e gustaríame igual, estou segura. Agora non a cambiaría por nada do mundo, pero puiden ter collido Matemáticas... Xornalismo... calquera!". Quizais pola capacidade de adaptación ás diferentes situacións que di ter e polo valor do esforzo. "Iso creo que tamén o dan as vivendas de nena do rural", di pensativa... E prosegue con seguridade: "Criarse no medio rural é unha grandísima vantaxe. Inculca unha serie de valores que te acompañan o resto da túa vida... Coñezo persoas que só se criaron no medio urbano e á que lles noto esa incapacidade de disfrutar da natureza, perden aí unha parte moi importante". Unha parte insubstituíble se non se vive de primeira man.

"Hai que coñecer o valor do pequeno para despois saber que o que tes é moi grande"

Marina estudou os seus seis anos de medicina en Santiago de Compostela e logo especializouse en neumoloxía na Coruña. Axiña traballou no Hospital de Ourense e tamén viaxou ata Burdeos, Francia, onde formou parte do centro Xavier Arnozán, pioneiro en transplante pulmonar en Europa. Á volta asentou no CHUAC, onde aínda agora segue atendendo os seus pacientes. Non hai moito, no 2018, a revista Forbes engadiu o seu nome na lista dos 100 mellores profesionais de todo o Estado. "Un milagre! Eu creo que iso foron os tres mil padrenuestros daquel verán!", conta mentres escacha a rir. Para desfrutar destes recoñecementos, Marina ten claro que "hai que coñecer o valor do pequeno para despois saber que o que tes diante é moi grande". "A xente que parte dunha situación determinada non ten a vara de medir e de valorar completa". 

A súa nai sempre dicía que era imposible que non estivera tola: falaba soa, imaxinaba outros mundos, "montábame moitas películas, según o que admirase en cada época". Marina, coma calquera outro neno ou nena da aldea, ía camiñando á escola, pero ela tiña claro que "calquera esforzo que fixera por aprender estaría ben recompensado". E así foi. 

Da sanidade pública, Marina pensa que é excelente porque dá unha cobertura universal. "Iso sábeno ben as persoas que tamén viviron noutros sistemas sanitarios onde hai que presentar a Visa antes de ser atendido". Cre que hai que coidala e espera que os políticos, "que ultimamente andan despistados", se concentren e non a deixen marchar, xa que se corre o risco de perdela "se non se mima o suficiente". "En xeral, cando a unha persoa se lle pregunta que é o que máis valora na vida sempre di que a saúde, pero parece que iso os políticos non o teñen tan claro. A xente prefire a saúde a ter paseo marítimo de costa a costa", critica.

"A xente prefire saúde a ter un paseo marítimo de costa a costa"

A conversa vai rematando e o relato da historia de vida de Marina vaise achegando ao momento presente. "Non me analizo demasiado, eu dedícome a vivir e a coller o mellor das oportunidades que me dá a vida. Procuro estar atenta para non desperdicialas, pero non vou detrás de nada". Quizais a clave da súa paz e serenidade está en que ten completa esa vara de medir da que falaba. Coñeceu moitos mundos, rurais e urbanos, pero sempre parte do primeiro - daquel rural humilde e con poucos recursos - para contar a súa historia. Hoxe ese rural mudou, evolucionou co paso do tempo, mais o que non cambiou foi o cariño e apego con que Marina o trata e fala del. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

2 Javier B

Noraboa Marina! Cando un fai cousas sempre poden ser valoradas en positivo, en negativo, ou o que sería peor, con indiferencia. Conmigo falou sempre en jallejo, como eu chamo á versión viva do idioma, o que falan/falamos os veciños da miña aldea. Este é o idioma que usamos Marina e mais eu no 95% das veces que coincidimos, sin contar aquelas onde hai xente que pode ter dificultades para entendernos (penso en sevillanos, cataláns, madrileños...)

1 Dr Bacterio

Non a escoito NUNCA , no seu día a día, falar en galego no CHUAC

1 Arquetipo

Claro, claro....queren motio á Terra pero teñen un Complexo de Aldeáns de Moito Carabillo.....e a bon seguro que falan Coruñovázquico...un idioma con moito percorido.......de pena....

2 Respondón

Non falará contigo que escribes en ese Galego artificial tipo TVG a xente intelixente falta na lingua quedebe según con quén

3 Asombrado

Se non falas en galego ,pareceche mal , e si falas resulta que está mal porque solo poderes fallar en Galego tí e os que teñan o teu permiso, ¿non ? Puta envidia A ti non te entrevistan

4 Congruente

preguntas en Galego, resposta en Galego ¿Ti que Farías? ¿ pedirlle o carnet de falante Galego oficial para ver se ten deleitó a úsala lingua Hay comentarios que Soio parecen ganas de poñe la lengua a pacer