Consellería de Educación e universidades acordan incorporar catro novos títulos de grao en Galicia

A UDC incorporará o grao de Nanociencia e Nanotecnoloxía para o curso 2020-2021, a UVigo impartirá o grao dual en Tecnoloxía da Automoción a partir de 2021, e a USC o grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2019 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e as universidades galegas acordaron incorporar catro novos títulos de grao ao Mapa de Titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG) "co fin de completar a oferta académica nos campus galegos para os próximos anos".

Esta decisión foi acordada este martes entre o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díaz de Castro; a vicerractora de Oferta Académica e Innovación Docente da Universidade da Coruña, Nancy Vázquez; a vicerreitora de Titulacións da Universidade de Santiago de Compostala, María Victoria Otero, e o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos.

A reunión, que se celebrou en Santiago, tiña como fin actualizar o actual mapa, que fora aprobado no ano 2017 e que estará vixente ata o 2021, segundo indicou a Xunta nun comunicado.

Froito deste novo acordo, a UDC incorporará o grao de Nanociencia e Nanotecnoloxía para o curso 2020-2021, a UVigo impartirá o grao dual en Tecnoloxía da Automoción a partir de 2021, e a USC o grao en Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira.

A maiores, en 2021-2022 entrará en funcionamento un cuarto grao en Relacións Internacionais, que será un grao interuniversitario entre a UDC e a UVigo. Por outra banda, en 2020 comezarán as simultaneidades do grao en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Eléctrica no campus de Ferrol da UDC e o grao de Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Electrónica Industrial e Automoción en Vigo.

Imaxe da reunión deste martes.. XUNTA
Imaxe da reunión deste martes.. XUNTA | Fonte: Europa Press

35 TITULACIÓNS PECHAN MATRÍCULA NO TERCEIRO CHAMAMENTO

A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG) fixo pública este martes a terceira lista de admitidos da proba de selectividade, que contempla o peche de ata 35 titulacións, nove delas con notas por encima do 10.

Os que pechan nesta terceira convocatoria son algúns graos da Universidade de Vigo situados en Ourense como os de Educación primaria (8,14), Educación Social (6,77), Enxeñaría Informática (7,23) e o grao de Enxeñaría Aeroespacial (10,067).

Tamén da universidade viguesa pero impartidos no Campus de Pontevedra foron pechados nesta terceira convocatoria os graos en Ciencias da Actividade Física e do Deporte (8,5), Comunicación Audiovisual (9,206), Educación Infantil (8,17), Educación primaria (8,72) e Publicidade e Relacións Públicas (8,372).

Pola súa banda, na sede olívica pechouse o grao en Dereito (7,143), en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática (6,176), en Enxeñaría en Organización Industrial (6,5), en Linguas Estranxeiras (5) e en Enxeñaría Biomédica (10,66).

A Universidade de Santiago (USC) xa non admite máis alumnos nos graos en Bioloxía (9,854), Educación Social (7,95), Enfermaría (11,26), Filosofía (5,29), Odontoloxía (11,89), óptica e Optometría (8,2), Pedagoxía (8,28) e Química (8,616). No seu campus lugués, a USC completou o límite de prazas no grao de Enfermaría (10,103), Educación Infantil (7,104), en Nutrición Humana e Dietética (8,27) e en Veterinaria (10,505).

Tamén a Universidade da Coruña pechou o grao en Bioloxía (8,321), en Enfermaría (10,569), en Fisioterapia (10,772), en Química (6,55) e en Terapia Ocupacional (7,902).

Ademais, varias titulacións que simultanean graos tamén pecharon as súas matrículas, como a de ADE e Dereito en Ourense (8,634) e Vigo (9,81), a de Química e Bioloxía da USC (11,479) e a de Enxeñaría Agrícola e Forestal de Lugo (6,626).

Todos os alumnos admitidos terán de prazo ata o 2 de agosto ás 14,00 horas para realizar as súas matrículas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta