En Marea renova a súa dirección nun proceso interno no que só se presentou a lista de Villares

O partido de Villares, xa con Anova, Esquerda Unida e Podemos fóra do proxecto, fixa a vista nas eleccións do próximo ano.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/07/2019 | Actualizada ás 19:22

Comparte esta noticia

En Marea completou o seu proceso de renovación dos seus órganos de dirección coa elección dun novo Consello das Mareas a través dun proceso interno ao que só concorreu unha lista, procedente do sector oficialista encabezado polo portavoz da organización, Luís Villares.

Deste xeito, segundo informa o partido a través dun comunicado, o feito de que só existise unha lista fixo que non se chegasen a producir votacións, polo que a única candidatura, encabezada por Luís Villares, foi proclamada de maneira automática.

Así as cousas, En Marea completa os 35 asentos da súa dirección despois de medio ano no que 14 deles permanecían vacantes pola negativa a tomar posesión dos mesmos por parte da persoa electas pola candidatura crítica 'Entre Todas' nas polémicas primarias celebradas en decembro de 2018 nas que Villares renovou o seu liderado.

Agora, cos actores que integraban dita candidatura --Podemos Galicia, Esquerda Unida ou a dirección de Anova, entre outras-- fóra de En Marea, dividida xa tamén no Parlamento de Galicia; a organización que lidera Villares pon a vista nas eleccións autonómicas previstas para o próximo ano, nas que aspira a converterse en alternativa a PSdeG, BNG e os seus exsocios entre o electorado progresista.

O novo Consello das Mareas --que agora terá que escoller unha nova coordinadora-- estará integrado por 35 persoas con Luís Villares á cabeza. Tamén están no máximo órgano entre plenarios a viceportavoz Ana Seijas, o deputado Francisco Casal ou a súa compañeira no Pazo do Hórreo Paula Vázquez Verao como representante do grupo parlamentario.

Nun comunicado, En Marea destaca o carácter "rexuvenecido" do novo Consello das Mareas, integrado por unha candidatura "plural" que terá como obxectivo preparar o camiño cara ás eleccións galegas "sen perder de vista o escenario dunha repetición electoral no Estado".

O portavoz de En Marea, Luís Villares, nos actos de En Marea con motivo do 25 de xullo
O portavoz de En Marea, Luís Villares, nos actos de En Marea con motivo do 25 de xullo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Antes do Nadal Paula Vázquez Verao (CERNA) presentará Lista Alternativa !!! (En Marea Auténtica!)