Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2019 | Actualizada ás 13:19
O Servizo de Cardioloxía da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago implantou o primeiro dispositivo de modulación da contractilidade cardíaca nun paciente con insuficiencia cardíaca (IC) que permanecía sintomático a pesar do tratamento farmacolóxico óptimo.
Segundo informou a xerencia sanitaria compostelá nun comunicado, esta nova tecnoloxía forma parte do proxecto de investigación en insuficiencia cardíaca avanzada que se desenvolve no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e que este ano se lle concedeu o Primeiro Proxecto Intramural do Consorcio de Investigación Cardiovascular en España.
Este tratamento consiste na colocación dun dispositivo parecido a un marcapasos que, destacaron as mesmas fontes, "permite estimular con alta voltaxe unha zona específica do corazón a un paciente con insuficiencia cardíaca". O implante foi realizado a primeiros de abril e, tras case cinco meses de seguimento, "confórmase o éxito do procedemento cun beneficio tanto clínico como na mellora na función contráctil do corazón do paciente", destacaron as mesmas fontes.
A insuficiencia cardíaca, sinala a xerencia compostelá, afecta a un dous por cento da poboación e constitúe a primeira causa de hospitalización en pacientes maiores de 65 anos. Representa o tres por cento de todos os ingresos hospitalarios e un 2,5% do custo total da asistencia sanitaria. A xerencia sanitaria de Santiago incidiu, ademais, en que se trata do terceiro paciente ao que se lle implantou un dispositivo de modulación cardíaca en España e o primeiro en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.