A Xunta avisa que pagar aos funcionarios pode verse "condicionado" polos 700 millóns que reclama ao Estado

O conselleiro sinalou que para resolver esta situación debe haber "vontade" e "iniciativa" por parte do Goberno central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2019 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, advertiu de que os 700 millóns de euros que o Estado debe á Comunidade "poden condicionar", de maneira "moi inmediata" o pagamento das nóminas dos funcionarios a finais de ano.

Neste sentido, o responsable da Consellería de Facenda declarou este venres ante os medios de comunicación que a "magnitude desta débeda" está "a empezar a condicionar moito" a actividade das Comunidades autónomas, que se dedican a "pagar aos traballadores públicos" e aos "provedores", tanto de servizos como de produtos.

Así mesmo, Martínez insistiu en que este "condicionamento" se está convertendo en algo "inmediato", xa que se os orzamentos non financeiros da Xunta son de "ao redor 9.750 millóns de euros", hai 530 millóns que aínda non se recibiron e que supoñen unha "afectación moi grave" que se pode reflectir no pagamento de nóminas de funcionarios no último mes do ano.

Ademais, o conselleiro sinalou que para resolver esta situación debe haber "vontade" e "iniciativa" por parte do Goberno central, que a pesar de estar en funcións "debe afrontar" unha realidade que coñece "desde hai máis dun ano" e "resolvela" canto antes.

Ao mesmo tempo, Martínez apuntou que ese importe non é "ningún agasallo" que o Executivo central fai á Administración autonómica, senón que pertence a Galicia polo cumprimento das regras fiscais e as entregas a contas de liquidación do ano 2017.

Precisamente, o conselleiro de Facenda, a través dunha carta dirixida á ministra María Jesús Montero hai case dúas semanas, insistía en que Galicia "necesita con urxencia" estes fondos "para atender asuntos prioritarios en materia de servizos públicos, como sanidade, ensino ou servizos sociais".

O conselleiro de Facenda co presidente da Fegamp. XUNTA
O conselleiro de Facenda co presidente da Fegamp. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 uu1

E uma questão de prioridades, se não há dinheiro suficiente os primeiros que não cobram são os funcionários, o presidente, conselheiros, deputados e assessores o tenhem todo garantido.

1 Pitito

Que lle pida os cartos a Marcial Dorado ou ao arcebispado de Santiago