Vento nas velas ao legado de Rosalía!

A 'Inchadiña branca vela' reuniu 28 embarcacións tradicionais que celebraron unha remontada polo Ulla e o Sar ata Padrón. É unha homenaxe das xentes do mar á poeta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2019 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Case unha trintena de embarcacións tradicionais celebraron no día de onte unha remontada polo Ulla e o Sar ata Padrón en homenaxe a Rosalía de Castro. Trátase da sétima edición da 'Inchadiña branca vela', unha iniciativa posta en marcha polas xentes do mar para gabar a figura da poeta. 

A Inchadiña Branca Vela
A Inchadiña Branca Vela | Fonte: Cedida

Case o dobre de embarcacións ca en pasadas convocatorias e moita forza nas velas. Con iso partía esta actividade organizada pola Fundación Rosalía de Castro e a A.C. Dorna de Arousa. Colaboran, tamén, os Concellos de Padrón, Dodro e Valga. 

Nesta especial travesía, con marea subindo e vento a favor, o público acompañou nas beiras de Cordeiro, nas de Dodro e, finalmente, á chegada ao Espolón de Padrón. Ollaban as 28 embarcacións tradicionais -e outras motorizadas- procedentes de Vigo, Pontevedra, Ribadeo, CAmbados, etc.

Dornas, gamelas, botes e lanchas xuntáronse para celebrar o 150º aniversario da publicación de 'Cantares gallegos', en cuxo interior se lían uns versos que evocaban á cultura marítima: ' ¡Que inchadiña branca vela / antre os millos corre soa, / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / "Palomiña, ¡voa!, ¡voa!" '

Vento nas velas!

Embarcacións vogan na Inchadiña Branca Vela
Embarcacións vogan na Inchadiña Branca Vela | Fonte: Cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta