Brigadistas limpan de eucaliptos o Castro de Bexo, en Dodro

Os voluntarios eliminaron rebrotes na zona onde se iniciou o grande incendio de marzo deste ano, que calcinou 1.000 hectáreas en Dodro e Rianxo.

Por Galicia Confidencial | Dodro | 18/08/2019 | Actualizada ás 09:12

Comparte esta noticia

Un ano despois da primeira intervención das Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia no Castro de Bexo e cinco meses despois do incendio que se iniciou ao pé do xacemento, queimando máis de mil hectáreas en Dodro e Rianxo, 50 brigadistas voluntarios traballaron de novo na zona para liberala de eucaliptos, en colaboración coa Comunidade de Montes da Cruz do Avelán, o Concello de Dodro, a Asociación Veciñal San Xoán de Laíño e a Asociación Cultural Unidade Veciñal de Dodro.

Brigadistas limpan de eucaliptos o Castro de Bexo, en Dodro
Brigadistas limpan de eucaliptos o Castro de Bexo, en Dodro | Fonte: Verdegaia.

Baixo o espírito do “Lumes Nunca Máis!”, as Brigadas Deseucaliptizadoras voltaron de novo e con forza ao Castro de Bexo este sábado para dar pulo á restauración ambiental e patrimonial deste importante espazo.

O Castro de Bexo, tamén coñecido como “As Murallas”, está catalogado por Patrimonio e é un dos asentamentos máis grandes de toda a zona, pola súa posición estratéxica. A Comunidade do Monte Veciñal en Man Común da Cruz do Avelán ten acordado a súa recuperación, redactando un proxecto de xestión arqueolóxica que inclúe a erradicación do eucalipto en todo o seu perímetro.

Tamén nos últimos anos se realizaron varias intervencións de retirada desta especie. O responsábel polo proxecto de xestión arqueolóxica deste xacemento é o arqueólogo Carlos Otero-Vilariño, tamén co-editor da “Atlas arqueolóxico da paisaxe galega”.

Desde Verdegaia denuncian que "este castro, como tantos outros elementos do patrimonio cultural galego que acollen os nosos montes, encóntrase degradado e oculto pola invasión de eucalipto que non só impide o seu coñecemento e gozo pola sociedade, senón que lume após lume converte esta paraxe única e con espectaculares vistas da ría de Arousa e brañas do Ulla nun deserto baixo aparencia verde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta