Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2019 | Actualizada ás 17:21
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, rexeitou, do mesmo xeito que o deán e o arcebispo de Santiago, o cobro por entrar á Catedral compostelá e destacou o baixo grao de criminalidade do "segurísimo" Camiño de Santiago.
Nunha entrevista en Radio Nacional de España, indicou que a Catedral é a "igrexa de peregrinación do mundo" polo que "ten que estar aberta aos peregrinos".
"Outra cousa é cobrar por ver o Pórtico da Gloria, que é unha xoia. Cobrar por entrar á Catedral e que os peregrinos dean unha aperta ao apóstolo, non", sentenciou Nava Castro, quen subliñou que a Xunta traballa desde 2015 para estar preparada para o Xacobeo 2021.
Sobre a seguridade das rutas xacobeas, indicou que hai embaixadores que veñen a Galicia a coñecer a situación do Camiño, como é o caso de países como China, Xapón ou Corea do Sur. Por iso, Castro subliñou o baixo grao de criminalidade, referíndose a "pequenos furtos".
En canto ao número de peregrinos que chegaron a Compostela no que vai de ano, Nava Castro indicou que se incrementou un 10% en comparación con cifras de 2018.
TURISMO
Preguntada sobre os datos de visitantes xerais en Galicia, a directora de Turismo de Galicia apuntou que "son bos" e que volven ser "históricos" xa que se superaron os dous millóns de turistas no seis primeiros meses do ano, o que, ao seu xuízo, mostra que se puido "conseguir a desestacionalización" e que se segue traballando niso.
"Incrementouse o turismo interno un 5% en comparación co mesmo período do ano pasado, o nacional un 6% e o turismo internacional máis dun 15%", apostilou.
Para conseguir que máis turistas cheguen fóra da tempada estival, Castro insistiu en que a Xunta leva máis de sete anos traballando cos "produtos cabeceira" galegos, como é, por exemplo o Camiño de Santiago, así como o Outono Gastronómico, os entroidos ou o Nadal en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.